A Xunta aplaude os catro recoñecementos a iniciativas galegas na entrega dos Premios Nacionais De Comercio Interior celebrada en Toledo

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á cerimonia dos Premios Nacionais de Comercio Interior na que se outorgaron 17 premios

Toledo, 29 de abril de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe en Toledo á cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior, onde se outorgaron 17 recoñecementos, catro deles a iniciativas galegas. En concreto, recoñeceuse á Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, ACISA, co Premio Nacional a Centros Comerciais Abertos, que pon en valor o asociacionismo comercial e está orientado á promoción dos CCA e á potenciación e desenvolvemento dos seus órganos xerenciais.

Neste acto tamén se fixo entrega á Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín dunha mención honorífica na categoría na que foi premiada Ribadeo. Neste sentido, o Goberno galego destaca o papel de ambas entidades xunto cos concellos de Ribadeo e Marín como axentes clave na dinamización comercial destes municipios. Boa mostra disto son iniciativas como as campañas destas entidades recoñecidas entre as cinco extraordinarias seleccionadas pola Xunta en 2025 no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario.

Tamén lle foi concedido un áccesit na categoría de Ideas Tecnolóxicas Aplicables ao Comercio a Lo Próximo Digital Services pola plataforma dixital LoPróximo, implantada polo Centro Comercial Aberto de Carballo, entre outras entidades. Esta plataforma dixital fora recoñecida co Premio Comercio Dinamización, no marco dos galardóns do Comercio Galego 2024. Ademais, ao Concello de Vigo, outorgóuselle outra mención honorífica no apartado de Compromiso Municipal co Pequeno Comercio.

Esta cita realízase tras celebrar onte tamén en Toledo a mesa de directores xerais de comercio das distintas comunidades autónomas na que tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026