O director do Instituto de Estudos do Territorio participa esta semana en Leipzig na 8ª reunión entre os socios desta iniciativa de cooperación interrexional

A Xunta afronta a fase final do proxecto europeo GIFT para incorporar ás políticas de paisaxe os resultados das dúas accións piloto que executa en Galicia

Enrique de Salvador explica que, por un lado, se traballa para restaurar corredores ecolóxicos en Curtis e por outro, na instalación de caixas de madeira con manto vexetal para mellorar os hábitats dos organismos que viven en árbores ocas

Os 10 membros que participan na iniciativa, liderada polo IET, intensifican as accións dirixidas a replicar casos de éxito para o impulso de zonas verdes e outros elementos naturais que incrementen a resiliencia e melloren a biodiversidade dos territorios

Leipzig (Alemaña), 6 de maio de 2026

A Xunta de Galicia afronta a fase final e decisiva do proxecto europeo de cooperación interrexional GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), no marco do cal está a desenvolver dúas accións piloto en diferentes puntos da comunidade co obxectivo común de incorporar os seus resultados ás políticas autonómicas de paisaxe e avanzar así na mellora da biodiversidade e da xestión sostible do territorio fronte aos efectos do cambio climático.

En representación do Goberno galego, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participa esta semana na 8ª reunión interrexional de socios en Leipzig (Alemaña), un encontro de aprendizaxe e intercambio de coñecementos para impulsar as estratexias de infraestrutura verde das rexións participantes.

Durante as sesións de traballo, cada un dos 10 socios do GIFT tiveron ocasión de expoñer os avances acadados neste eido nos seus respectivos territorios. Por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —que lidera o proxecto a través do IET—, Enrique de Salvador explicou que en Galicia se están a desenvolver desde o ano pasado dúas accións piloto para, por un lado, crear corredores ecolóxicos en zonas agrarias e, por outro, mellorar a biodiversidade dos organismos que viven en árbores ocas mediante a instalación de caixas de madeira que imitan microhábitats no seu interior en tres zonas forestais das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra.

En concreto, informou de que no marco da acción A Liga das Sebes, a Xunta está a actuar na zona de concentración parcelaria de Fisteus, en Curtis, co fin de recuperar un tipo de estrutura vexetal tradicional da paisaxe agraria galega, as chamadas sebes, mediante o plantado progresivo dun total de 1.100 árbores nos bordos dos camiños que actuarán como corredores ecolóxicos. Trátase dun exemplo de boas prácticas desenvolvido xa con éxito na rexión de Fryslân (Países Baixos) e que, no caso galego, comezou a executarse o pasado marzo co reto de obter resultados este mesmo ano.

A segunda das accións piloto que se está a poñer en práctica en Galicia, probada xa con anterioridade polos socios suecos do GIFT, consiste na instalación de caixas de madeira co fin de mellorar a biodiversidade en tres zonas forestais con condicións de partida diferentes: unha área afectada por incendios forestais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, unha zona reforestada con especies autóctonas na Comunidade de Montes de Couso, en Gondomar, e a parroquia de Fisteus, na mesma contorna de Curtis na que se vai desenvolver o proxecto de corredores ecolóxicos.

Ao longo da duración do GIFT, que se puxo en marcha a mediados do ano 2023, os socios levaron a cabo accións de cooperación tanto a nivel rexional como interrexional orientadas a compartir experiencias e boas prácticas transferibles a outras rexións. Neste sentido e unha vez iniciada en marzo de 2026 a fase de seguimento do proxecto, na actualidade estanse a intensificar as accións de aprendizaxe e xeración de resultados para o impulso de zonas verdes e outros elementos de conectividade natural que incrementen a resiliencia e melloren a biodiversidade dos territorios participantes.

De feito, no marco desta reunión de traballo do GIFT, os anfitrións alemáns organizaron dúas visitas de estudo para compartir cos asistentes os labores de restauración que están a realizar nun dos bosques de ribeira máis extensos de Europa así como nas hortas urbanas de Leipzig nas que están a replicar a acción sueca das caixas de madeira.

Intercambio de experiencias e casos de éxito

A finalidade principal do proxecto europeo GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos no eido das zonas verdes, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios membros co obxectivo de avanzar na resiliencia dos territorios fronte ao cambio climático, na mellora da biodiversidade e na calidade de vida da cidadanía.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-Feder e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros tras a aprobación das distintas accións piloto —o 80% procedente de Fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto incide nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.

Ademais do IET, no proxecto GIFT participan nove entidades máis de distintos países e rexións da UE: o Goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig, o Instituto Forestal Esloveno e o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (tamén en Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Data de actualización: 06/05/2026