Medio Rural sitúa Galicia como un referente no sector primario no ámbito nacional e internacional

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria participou na inauguración das xornadas técnicas de Fondos Agrícolas 2026, organizadas polo Fondo Español de Garantía Agraria

Juan José Cerviño definiu Galicia como unha potencia láctea, que produce o 42 % do leite do país e que concentra máis da metade das explotacións leiteiras de toda España

En relación co sector cárnico, destacou que a nosa comunidade aporta aproximadamente o 1,5 % da produción europea, cunhas 94.000 toneladas anuais

Destacou que o traballo do Fondo Galego de Garantía Agraria permitiu mobilizar pagamentos por 407 millóns de euros o pasado exercicio financeiro, entre axudas directas ao sector e achegas ao desenvolvemento rural, unha cifra récord

Puxo tamén en valor as achegas da PAC como unhas axudas clave para asegurar a sustentabilidade deste eido e incidiu na necesidade de defender unha PAC forte e ben dotada, que garanta as axudas directas e os fondos para o desenvolvemento rural

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participou na mañá de hoxe na inauguración das xornadas técnicas de Fondos Agrícolas 2026, organizadas polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Durante a súa intervención, destacou o liderado de Galicia no sector primario, especialmente nos eidos leiteiro e cárnico, nos que a comunidade está consolidada como un referente no ámbito nacional e internacional.

Neste sentido, definiu Galicia como unha potencia láctea, que produce o 42 % do leite do país e que concentra máis da metade das explotacións leiteiras de toda España. Sinalou  que a comunidade se atopa entre as dez primeiras rexións europeas en produción de leite. En relación co sector cárnico, destacou que Galicia aporta aproximadamente o 1,5 % da produción europea, cunhas 94.000 toneladas anuais. Cerviño fixo tamén referencia á versatilidade do medio rural galego e mencionou outros sectores como o vitivinícola, a horta, a planta ornamental e a flor cortada, nos que Galicia tamén ocupa unha posición salientable.

O director xeral eloxiou o labor de xestión de pagos que leva a cabo o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), xa que é o ente que realiza todos os pagos dos fondos agrarios europeos, tanto FEAGA como Feader, na nosa comunidade autónoma. Este traballo permitiu mobilizar pagamentos por 407 millóns de euros o pasado exercicio financeiro, entre axudas directas ao sector e achegas ao desenvolvemento rural, unha cifra récord con respecto a anos anteriores.

Así mesmo, destacou o importante peso que o sector primario ten na economía galega, xa que sustenta milleiros de empregos e aporta un importante valor económico. Seguindo esta liña, puxo en valor as achegas da Política Agraria Común como unhas axudas clave para asegurar a sustentabilidade deste eido.

Así, con respecto á futura PAC post 2027, Juan José Cerviño incidiu na necesidade de defender unha PAC forte e ben dotada, baseada nunha arquitectura con fondos diferenciados que garanta as axudas directas e os fondos para o desenvolvemento rural.

Data de actualización: 07/05/2026