Medio Rural inviste máis de 230.000 euros na implantación dun novo pasteiro en Cerdedo Cotobade

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comprobou os traballos realizados no monte veciñal en man común de Quireza, nunha superficie superior ás 40 hectáreas

A súa execución está destinada para a alimentación do gando existente na zona, entre el o equino que chega ata este monte que pertence á rapa das bestas de Sabucedo

Destacou que este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade, nos ecosistemas agroforestais e axudan a previr incendios

A creación deste pasteiro enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros

Cerdedo Cotobade (Pontevedra), 12 de maio de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o concello de Cerdedo Cotobade para comprobar os resultados da execución dun novo pasteiro, concretamente no monte veciñal en man común de Quireza, para o que se investiron máis de 230.000 euros.

Este pasteiro abrangue unha superficie de 43 hectáreas, nas que se realizaron traballos de roza, pase de grada pesada, abonado e sementado, entre outros labores. A maiores, colocáronse peches perimetrais nunha lonxitude de 3.450 metros. A súa execución está destinada para a alimentación do gando existente na zona, entre el o equino que chega ata este monte que pertence á rapa das bestas de Sabucedo.

José Balseiros destacou que este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais. Sinalou que impulsan tamén de forma significativa a actividade socioeconómica, xa que ofrecen espazos favorables para a gandaría en extensivo.  

Plan de pastos de Galicia

A creación deste pasteiro en Cerdedo Cotobade enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2026