A Xunta convoca os Premios do Comercio Galego 2026 para recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do plan estratéxico
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras destes galardóns que outorga a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Haberá cinco categorías: Premio Comercio Galego (dotado con 5.000 euros), Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros), Premio Comercio Emprende (3.000 euros), Premio Comercio Dinamización (5.000 euros) e Premio Comercio Sostible (3.000 euros)
O obxectivo destes galardóns é consolidar a competitividade do comercio galego, primeiro eixe de acción do Plan estratéxico 2025-2030 do sector con medidas para a modernización ou dixitalización
O prazo de presentación de candidaturas será desde mañá e ata o próximo 15 de xuño e, como novidade, incorpórase un modelo de memoria para avanzar na simplificación administrativa
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria dos Premios do Comercio Galego 2026, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia busca recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como elemento clave para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
A convocatoria enmárcase na aposta do Goberno galego por un comercio de proximidade forte, moderno, competitivo e adaptado ás novas tendencias de consumo, en liña cos obxectivos recollidos no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Neste sentido, os galardóns pretenden poñer en valor o papel do pequeno comercio como xerador de emprego, dinamizador da economía local e vertebrador do territorio.
Os establecementos, asociacións e entidades interesadas poderán presentar as súas candidaturas desde mañá e ata o próximo 15 de xuño a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, como novidade, a Xunta continúa avanzando na simplificación administrativa coa incorporación dun modelo de memoria normalizado para facilitar a presentación de solicitudes.
Os Premios do Comercio Galego 2026 contan cunha dotación global de 19.000 euros distribuída en cinco categorías. O Premio Comercio Galego 2026, dotado con 5.000 euros, recoñecerá aqueles negocios que destaquen pola implantación dun modelo comercial innovador, competitivo e adaptado aos novos retos do sector.
Pola súa banda, o Premio Comercio Traxectoria 2026 distinguirá a longa e consolidada traxectoria daqueles establecementos con especial arraigo nas súas vilas e cidades, mentres que o Premio Comercio Emprende 2026 recoñecerá proxectos comerciais novos que ofrezan experiencias de compra diferenciadas. Ambos galardóns están dotados con 3.000 euros.
Ademais, o Premio Comercio Dinamización 2026, cunha contía de 5.000 euros, premiará as mellores iniciativas de dinamización comercial desenvolvidas por asociacións e federacións do sector, e o Premio Comercio Sostible 2026, dotado con 3.000 euros, distinguirá accións e proxectos vinculados á promoción dun consumo responsable e sostible.
Entre os aspectos que valorará o xurado figuran cuestións como a innovación, a identidade comercial, a integración das ferramentas dixitais, a calidade da experiencia de compra, as accións de fidelización, a sustentabilidade ou o impacto das campañas de dinamización no tecido comercial e na clientela.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260513/AnuncioG0767-290426-0009_gl.html