A Xunta emite o informe ambiental estratéxico do Plan básico municipal do concello lucense de Pantón

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve que á vista da documentación presentada e das consultas realizadas o instrumento de ordenación non terá efectos significativos no medio ambiente pero deberán atenderse certas condicións

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

A Xunta de Galicia acaba de emitir o informe ambiental estratéxico (IAE) correspondente ao Plan básico municipal (PBM) do concello lucense de Pantón.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade pon fin á avaliación ambiental estratéxica simplificada do referido plan e conclúe, tras analizar a documentación presentada polo promotor e tendo en conta as consultas realizadas no marco do procedemento, que o PBM de Pantón non terá efectos ambientais significativos no medio ambiente aínda que deberán atenderse unha serie de condicións.

O documento segue agora coa súa tramitación para dotar ao concello lucense, que carece actualmente de plan de ordenación urbanística, dun instrumento propio no que se delimiten os núcleos rurais, así como o solo rústico.

Con tal fin, o IAE remitiuse á Dirección Xeral de Urbanismo e fíxose público hoxe mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Cómpre lembrar que os PBM son instrumentos de ordenación urbanística pensados especificamente para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral, como é o caso, poidan desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano.

Data de actualización: 13/05/2026