O director xeral de Inclusión Social clausurou hoxe un encontro que reuniu a empresas e axentes que colaboran coa entidade
A Xunta destaca o traballo ‘incansable e decidido’ do Banco de Alimentos da Provincia da Coruña
A Coruña, 13 de maio de 2026
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo en valor hoxe “o traballo incansable e decidido” do Banco de Alimentos da provincia da Coruña na loita contra unha carencia tan básica como é a alimentación para as persoas e familias que máis necesidades teñen. Fíxoo na clausura do ‘I Encontro Entidades e Colaboradores Alianzas que cambian vidas’, organizado polo Banco de Alimentos da Provincia da Coruña.
Arturo Parrado destacou a capacidade de crear alianzas locais e de mobilizar a entidades de iniciativa social, empresas e voluntariado que ten o Banco de Alimentos coruñés. Unha forma de traballar que “baseada na estratexia da solidariedade”, engadiu.
O director xeral sinalou que a Xunta colabora desde o ano 2013 coa Federación Gallega de Banco de Alimentos (Fegaban). Esta colaboración forma parte da resposta da Administración autonómica para facer fronte á carencia material severa en Galicia, axudando a que nos últimos dez anos a incidencia desta nas familias galegas se reducira cinco puntos, pasando do 8,7% no 2015 ao 3,5%.
Por último, Arturo Parrado agradeceu o labor do Banco de Alimentos, así como a implicación de entidades, empresas e persoas voluntarias, xa que “co seu apoio promoven unha sociedade máis xusta, igualitaria e sostible”.