A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático inaugurou o evento, que se celebra na Comunidade por primeira vez e reúne hoxe en Santiago a máis de 150 representantes de entidades locais, institucións, centros de investigación e empresas de todo o país

Galicia lidera o Encontro estatal do Pacto das Alcaldías como comunidade referente en toda España en materia de acción climática local

Ángeles Vázquez destaca o labor realizado pola Xunta como coordinadora da iniciativa na Comunidade desde o ano 2017 e o elevado grao de implicación do municipalismo galego, con máis do 90% dos concellos adheridos e 260 plans de acción aprobados ata agora para impulsar iniciativas neste eido a nivel municipal

Salienta que case dúas décadas despois de que a Unión Europea impulsara o primeiro Pacto dos alcaldes, xa está consolidado como a maior alianza a nivel mundial entre cidades e gobernos locais para avanzar en materia de clima e transición enerxética

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

Galicia acolle hoxe o Encontro estatal do Pacto das Alcaldías 2026, un evento que congrega anualmente a unha ampla representación de entidades locais e organismos públicos de todo o país para intercambiar experiencias en materia de mitigación, adaptación e transición enerxética e que, nesta ocasión, lidera a comunidade galega tras ser escollida pola Oficina europea do pacto das alcaldías en España por ser un dos maiores referentes a nivel nacional e europeo desde o punto de vista da acción climática no eido local.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, foi a encargada de inaugurar esta mañá o evento, que por primeira vez se celebra en Galicia e reúne desde onte en Santiago a máis de 150 representantes de entidades locais, institucións, centros de investigación e empresas procedentes de distintos puntos do país como Navarra, País Vasco, Cataluña, Murcia ou Madrid, ademais de membros da Xunta de Galicia, que desde o ano 2017 actúa como coordinadora da iniciativa a nivel autonómico.

Durante a súa intervención, destacou a aposta que fixo o seu departamento hai case unha década por este pacto, ao asumir a súa coordinación e poñer en marcha unha Oficina técnica para informar e asesorar aos concellos sobre a iniciativa, promover a súa adhesión e acompañalos no cumprimento dos compromisos fixados a nivel comunitario.

A modo de exemplo, a conselleira salientou o grao de implicación na iniciativa amosado polo municipalismo galego nos últimos anos. En concreto, indicou que a día de hoxe máis do 90% dos concellos da Comunidade están xa adheridos ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía (un total de 287) e deles, grazas tamén ao apoio da Xunta a través da concesión de axudas para a súa redacción, 260 contan xa co seu propio plan de acción como folla de ruta a seguir para impulsar iniciativas neste eido a nivel municipal.

Neste sentido, salientou que case dúas décadas despois de que a Unión Europea impulsara o primeiro Pacto dos alcaldes, unha iniciativa que foi evolucionando ata chegar á fórmula actual e está plenamente consolidada como a maior alianza a nivel mundial entre gobernos locais para avanzar en materia de clima e transición enerxética.

Ao respecto, a responsable autonómica eloxiou o traballo exemplar e o esforzo realizado polos concellos neste eido e considerou que o pacto é a máxima expresión de cogobernanza en materia climática. “A política require acordos para avanzar na busca dos logros e obxectivos pero sen renunciar aos principios”, sinalou Ángeles Vázquez.

Tras lembrar que as metas en materia de clima evolucionaron desde a orixe da iniciativa e hoxe en día son xa moito máis ambiciosas, animou a seguir avanzando a nivel local no desenvolvemento de accións e políticas encamiñadas a compensar emisións para avanzar cara á neutralidade climática, impulsar as enerxías renovables e apostar por medidas que reforcen a resiliencia dos territorios. Uns obxectivos, engadiu, nos que Galicia tamén é referente, xa que logrou superar o fito de reducir nun 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) fixado para 2030 e acaba de asumir, a través da Lei do clima que entrou en vigor este mesmo ano, o reto de ser unha rexión climaticamente neutro no horizonte de 2040, unha década antes do prazo que fixa a UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026