Medio Rural salienta a excelente calidade dos queixos galegos, recoñecidos entre os mellores de España

A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións das queixerías Prestes e Fontelas, que foron galardoadas na 16ª edición do Campionato dos Mellores Queixos de España, celebrado no marco do Salón Gourmets de Madrid

Resaltou o potencial deste sector en Galicia, con catro DOP que acadaron o pasado ano un valor económico estimado de máis de 58 millóns de euros, unha cifra que amosa a importancia destas producións para a economía galega e para o rural

Lembrou o apoio á promoción destas elaboracións a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado este ano cun orzamento de 10 millóns de euros

Vilalba (Lugo), 13 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, salientou hoxe a excelente calidade dos queixos galegos, recoñecidos entre os mellores de España no Salón Gourmets de Madrid celebrado o pasado mes de abril. Neste sentido, visitou as instalacións das queixerías Prestes e Fontelas, que foron algunhas das galardoadas na 16ª edición do Campionato dos Mellores Queixos de España, no marco desta feira.

En concreto, a conselleira lembrou que oito queixerías galegas recibiron 12 galardóns por dez dos seus queixos. No caso de Queixería Prestes, foron dous premios na categoría de vaca nova leite/cru pasteurizada pola súa peza amparada pola Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla, a prata e a mención especial ICEX Gold. Fontelas Queixería foi premiada co ouro na categoría de queixos afumados pola súa peza da DOP San Simón da Costa.

A titular de Medio Rural trasladou os seus parabéns por estes recoñecemento e salientou que estas dúas queixerías son un exemplo do bo facer que caracteriza ao sector primario galego. Neste senso, destacou que os produtos agroalimentarios galegos, neste caso os queixos, gozan de gran recoñecemento en espazos gastronómicos especializados nos que o público ao que se dirixen é internacional, como é Salón Gourmets.

Valor económico de máis de 58 millóns de euros

Gómez tamén resaltou o potencial do sector dos queixos en Galicia, con catro DOP que acadaron o pasado ano un valor económico estimado de máis de 58 millóns de euros. Engadiu que esta cifra amosa a importancia deste tipo de producións de calidade para a economía galega, en especial, para as zonas rurais.

Por iso, destacou que para o Goberno autonómico é unha prioridade fortalecer estas producións agroalimentarias amparadas por selos de calidade diferencia. Para facelo, explicou, desde a Consellería desenvólvense iniciativas como o Plan Saborea Calidade Diferenciada, dotado cun orzamento de 10 millóns de euros neste ano, a través do cal se potencia a promoción destes produtos en eventos como Salón Gourmets e tamén con actividades para dar a coñecer estas elaboracións dentro de Galicia.

Así, no marco deste plan, ademais do Túnel dos Queixos Galegos que se desenvolve nas principais feiras gastronómicas nas que participa a Xunta, tamén se promove a presenza do sector en eventos especializados de referencia internacional, como Fromago Cheese Experience, que terá lugar en setembro en Zamora; SIAL Paris, prevista para outubro; e o International Cheese Festival, que se celebrará en novembro en Córdoba.

Data de actualización: 13/05/2026