Diego Calvo coñece as melloras produtivas que favorecen a autonomía económica das mulleres no Perú, que a Xunta apoiou con máis de 1,1 M€

O conselleiro visita a provincia de Quispicanchi, onde desde 2014 a Fundación Taller de Solidaridad e o seu socio local a Asociación Jesús Obrero-CCAIJO colaboran na execución de sete proxectos

Lembra o compromiso do Goberno galego neste ámbito ao incrementar o seu orzamento no período de execución do V Plan Director da Cooperación Galega (2023-2026) un 32,08%, acadando así en 2026 os 10,3M€

Cusco (O Perú), 13 de maio de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comezou hoxe xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, a súa viaxe institucional no Perú para coñecer os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a Xunta está a financiar no marco dos distintos Plans Directores da Cooperación Galega.

Diego Calvo visitou as iniciativas levadas a cabo pola ONGD galega Fundación Taller de Solidaridad xunto co seu socio local, a Asociación Jesús Obrero- CCAIJO, que supuxeron nos últimos anos un investimento de 1,1 millóns de euros. En concreto coñeceron un dos proxectos en execución en Andahuaylillas, cuxo obxectivo é fortalecer a cadea de valor apícola para promover medios de vida sostibles e inclusivos, con énfase en mulleres e mozas rurais en situación de vulnerabilidade, beneficiando 125 emprendementos apícolas familiares.

A xornada deu comezo cunha reunión na que se mostrou unha liña de tempo cos impactos, cambios e resultados obtidos nos anos de colaboración grazas ao apoio da Xunta, que leva traballando coas organizacións desde 2014.

Posteriormente, a delegación galega foi recibida polo Goberno Local de Andahuaylillas, que agradeceu a visita, a consideración do Perú coma país prioritario e o apoio prestado nos últimos años, tamén á iniciativa apícola en marcha.

Ademais, visitou a planta piloto de produción apícola posta en marcha co proxecto, os viveiros de plantas melíferas, e os apiarios, onde coñeceu as persoas destinatarias das actividades de fortalecemento da organización apícola, apoiadas mediante a formación en liderado, xestión organizativa e equidade de xénero, actualización participativa de estatutos con enfoque de xénero e mocidade, entre outros.

Tamén visitou o centro de comercialización xestionado por mulleres e posto en marcha grazas ao apoio da Xunta para mellorar o acceso a mercados, fortalecendo a vinculación comercial dos emprendementos apícolas. Isto complementouse con formación e asistencia técnica en comercialización dixital apícola, en xestión comercial, en educación financeira, en acceso a comercio xusto e microcréditos.

Tras estas visitas, reunirase en Cusco coa Oficina de Cooperación Internacional do Goberno Rexional da Cidade, poñendo en valor o compromiso da Xunta co sector galego de cooperación ao desenvolvemento, como se demostra ano a ano co crecemento do seu orzamento. Nesta liña, cómpre destacar o incremento do 32,08% no período de vixencia do V Plan Director da Cooperación Galega (2023-2026), acadando así en 2026 os 10,3M€ e cuxa avaliación se desenvolverá no último semestre do ano.

Fortalecemento da participación feminina

Outros dos proxectos apoiados pola Xunta no Perú son os desenvolvidos pola ONGD galega Fundación Intered en Juliaca xunto co seu socio local, o Movemento Manuela Ramos, centrados no traballo con mulleres, mozas e nenas, na súa maioría de pobos orixinarios, especialmente na defensa do dereito a unha vida libre de violencias machistas, o dereito á participación política e cidadá, e o fortalecemento de organizacións de base de mulleres.

Pola súa banda, Manos Unidas xunto coa Asociación Centro de Estudios y Promoción del Desarrollo Andino Amazónico – descocentro actúa tamén no fortalecemento da participación política e pública das mulleres no exercicio dos seus dereitos para unha vida libre de violencia de xénero na rexión de Junín, cunha intervención integral que articula o fortalecemento institucional, o empoderamento comunitario e a transformación sociocultural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026