A Xunta convoca hoxe preto de 2.000 persoas en Silleda para realizar as probas de avaliación en competencias clave de nivel 2 e 3 de cualificación profesional 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, achegouse hoxe ata o recinto feiral silledense, onde se celebra a 20ª convocatoria destas probas
Teñen como finalidade que as persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos e cursar os certificados profesionais que requiren desas formacións
Para facilitar a realización das probas, a vindeira semana tamén se realizarán na Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego en Santiago de Compostela, en Fademga (Santiago) e nos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama
Quen non supere estas probas de maio poderá repetilas en outubro sen necesidade de esperar a unha nova convocatoria, co gallo de favorecer o acceso á cualificación profesional dos galegos e galegas e incrementar as súas oportunidades laborais
Silleda (Pontevedra), 16 de maio de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, achegouse hoxe ata o recinto feirial de Silleda, onde se celebran as probas en competencias clave de nivel 2 e 3 de cualificación profesional deste ano. Preto de 2.000 persoas están convocadas este sábado á vixésima convocatoria destas probas que teñen como finalidade que aquelas persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados profesionais que requiren deses requisitos académicos. Así, o obxectivo final é aumentar a calidade da formación, axustala á demanda de cualificación profesional requirida e mellorar as posibilidades de inserción das persoas desempregadas.
O número de persoas admitidas para o nivel 2 de cualificación é de 1.259 e para o nivel 3 son 681 as convocadas, para a realización dunhas 6.300 probas. Destacan no nivel 2 as inscricións para matemáticas, seguidas das de galego, castelán e inglés. No que atinxe ao nivel 3, lideran igualadas as inscricións de matemáticas e castelán, seguidas das de galego e inglés.
Cómpre sinalar que para o correcto desenvolvemento das probas hai despregado un operativo de máis 60 persoas encargadas de que todo se realice de xeito correcto e con total seguridade. Tamén se dispón de asistencia médica e ambulancia para atender calquera incidencia que se puidera producir.
Cabe engadir que, a maiores das que se realizan hoxe en Silleda, a semana que vén vanse repetir estas probas na sede da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego en Santiago de Compostela, nas instalacións compostelás de Fademga e nos centros penitenciarios de Teixeiro (Curtis) e A Lama. O obxectivo é facilitar o acceso a persoas que doutro xeito non se poderían presentar ou lles resultaría máis difícil facelo.
Segunda oportunidade
Segundo a novidade implementada en 2023, ofréceselles a todas aquelas persoas participantes que non superen as probas de maio a oportunidade de presentarse unha segunda vez ás probas adicionais que se celebrarán en outubro. Este desenvolvemento en dúas datas outorga a posibilidade de superar todas as competencias sen necesidade de esperar a unha nova convocatoria, o que se traduce —na práctica— en dúas oportunidades de acadar cada competencia clave cunha única inscrición.
A publicación dos resultados provisionais das probas está prevista para mediados do mes de xuño, abríndose un prazo para reclamacións de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Unha páxina onde tamén se poderán consultar os resultados definitivos, unha vez sexan revisadas as reclamacións que se poidan presentar.