Belén do Campo participa na conmemoración do 80 aniversario da Asociación de periodistas de Santiago e destaca o papel esencial do xornalismo na defensa da democracia
A representante do Goberno autonómico puxo en valor a traxectoria da asociación compostelá, fundada en 1945, destacando o compromiso mantido ao longo de oito décadas coa defensa da profesión xornalística, coa liberdade de expresión e co dereito da cidadanía a recibir unha información rigorosa, veraz e plural
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe no acto conmemorativo do 80 aniversario da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) posterior á inauguración dunha exposición dedicada á historia da entidade, unha das asociacións profesionais máis veteranas de Galicia e referente na defensa da liberdade de información e do exercicio do xornalismo.
A exposición realiza un percorrido pola historia da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela a través de imaxes, documentos e publicacións que permiten coñecer a evolución do xornalismo compostelán e galego desde mediados do século XX ata a actualidade, así como os principais fitos dunha entidade que segue sendo referencia para a profesión.
Durante a súa intervención, Belén do Campo puxo en valor a traxectoria da asociación compostelá, fundada en 1945, destacando “o compromiso mantido ao longo de oito décadas coa defensa da profesión xornalística, coa liberdade de expresión e co dereito da cidadanía a recibir unha información rigorosa, veraz e plural”.
A delegada lembrou que a APSC foi quen de adaptarse aos cambios sociais, políticos e tecnolóxicos vividos ao longo destes oitenta anos, mantendo sempre “a súa vocación de servizo público e de apoio aos profesionais da comunicación”. Neste sentido, destacou o labor desenvolvido pola entidade na promoción da formación, na defensa da independencia dos medios e na colaboración con institución.
Belén do Campo sinalou tamén as súas numerosas iniciativas promovidas nos últimos anos arredor da reflexión sobre o presente e o futuro do xornalismo, a igualdade no ámbito da comunicación ou a defensa dos dereitos profesionais dos xornalistas.
A representante autonómica destacou que “o xornalismo é unha peza fundamental para o funcionamento dunha sociedade democrática”, especialmente nun contexto marcado pola inmediatez, a sobreinformación e a proliferación de contidos falsos. “Nunca foi tan importante contar con profesionais comprometidos coa verdade, coa ética e coa responsabilidade social”, afirmou.
Durante o acto, a delegada agradeceu tamén “o traballo constante de varias xeracións de xornalistas que contribuíron a contar a historia de Santiago e de Galicia desde o rigor, a proximidade e a vocación de servizo público”. Ao mesmo tempo, trasladou o recoñecemento da Xunta ao labor diario dos medios de comunicación e dos profesionais que “informan, explican e axudan a comprender a realidade”.
Finalmente, Belén do Campo felicitou á directiva da asociación e a todos os seus integrantes pola celebración deste aniversario, subliñando que “defender o xornalismo de calidade é tamén defender unha sociedade máis libre, máis crítica e mellor".