O Festival (S8) afiánzase co apoio da Xunta como referente do cinema experimental nunha edición con 20 películas galegas
O 17ª certame recibe preto de 47.000 euros a través da convocatoria anual a festivais audiovisuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Desenvolverase do 2 ao 7 de xuño e terá unha das súas sedes principais na Filmoteca de Galicia, onde proxectará 54 títulos internacionais
A creación galega contará con varias estreas e cunha ‘film performance’ na Fundación Luis Seoane, confirmando o impulso da mostra a profesionais e artistas do audiovisual experimental do país
A Coruña, 18 de maio de 2026
A XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (S8) presentou hoxe a programación completa da súa vindeira edición, que se desenvolverase do 2 ao 7 de xuño co apoio da Xunta de Galicia para continuar a se afianzar como evento de referencia para a proxección do audiovisual máis experimental. De feito, a (S8) baterá en 2026 o seu récord de proxeccións e profesionais convidados.
A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achégalle este ano 46.871 euros a través da convocatoria de subvencións a festivais do sector que xestiona a Axencia galega das Industrias Culturais e cédelle, ademais, a sala José Sellier da Filmoteca de Galicia como unha das sedes principais. Así se puxo de manifesto este mediodía no acto de presentación celebrado na Domus e ao que por parte da Xunta acudiu a coordinadora de Política Audiovisual, Dolores Meijomín.
A cita coruñesa reforza en 2026 o seu papel como espazo relevante para o cinema máis experimental e de vangarda, cunha programación que inclúe 161 películas (20 delas galegas, ademais da film performance que poderá no patio da Fundación Luis Seoane) e 35 estreas absolutas. Recibirá preto de 80 artistas, profesionais e estudantes de todo o mundo, así como 400 alumnos e alumnas de oito centro educativos.
Inauguración dedicada aos eclipses
A Filmoteca de Galicia terá unha presenza destacada na carteleira, con 54 obras programadas procedentes de Galicia e do resto de España, Canadá, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Estados Unidos, Chile ou Portugal. Acollerá a sesión inaugural, co fío condutor dos eclipses e que, baixo o título El obturador astral, presenta creacións sobre o firmamento realizadas entre 1908 e 2019 por cineastas como Georges Méliès, Larry Jordan, Bill Morrison ou Gusmão ou Paiva, entre outros. Ademais, tamén como parte do programa inaugural, terá lugar a proposta da neoiorquina Jeanne Liotta, quen creará un eclipse cinematográfico en directo na Domus.
A sala José Sellier acollerá tamén a primeira sesión do apartado Sinais, dedicada ao presente da creación cinematográfica galega, española e portuguesa; un encontro de estudantes de Belas Artes das universidades de Vigo, Salamanca e Autónoma de Madrid, e programas centrados en figuras internacionais como o canadense John Porter, referente do Súper 8, e a belga Els van Riel, recoñecida pola súa investigación arredor da luz e da proxección en 16 mm.
A programación complétase neste espazo coa presenza das fundadoras da Kinothek Asta Nielsen de Frankfurt, arredor da conservación e difusión do cinema feito por mulleres e persoas queer. Karola Gramann e Heide Schlüpmann ofrecerán unha clase maxistral e unha carta branca con pezas do seu arquivo arredor da escena alemá dos anos 80 e 90.