Medio Rural avanza no desenvolvemento do polígono agroforestal no Riós que mobilizará case 94 hectáreas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe os terreos nos que se desenvolverá este instrumento ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

A actividade principal á que se destinará este polígono agroforestal son os cultivos leñosos e o aproveitamento de castaña

A maiores, inaugurou un dos cursos de microcredenciais que se están a realizar nas zonas rurais en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, dirixido a profesionais e cidadáns de entre 25 e 64 anos

O Riós (Ourense), 18 de maio de 2026

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe os terreos nos que se implantará o polígono agroforestal de Pousada, no concello do Riós, e o cal permitirá mobilizar preto de 94 hectáreas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Este é un dos 29 polígonos agroforestais postos en marcha na nosa comunidade, 15 deles na provincia de Ourense.

En concreto, a directora xeral comprobou os labores de roza que se están a realizar, ao mesmo tempo que xa se resolveu a investigación da titularidade das máis de 660 parcelas que compoñen este polígono agroforestal, paso previo á recollida de compromisos de adhesión ao proxecto. Nesta fase actual dos traballos, na elaboración do proxecto básico, inclúense o estudo de viabilidade, a revisión do parcelario, a delimitación de exclusións, a investigación da titularidade e a recollida dos compromisos de adhesión.

As actividades previstas neste polígono son a implantación de cultivos leñosos e aproveitamento de castaña como actividade principal así como o sistema agroforestal, cultivos de ciclo curto e complementarios como actividade secundaria. Dentro delas, aquelas modalidades elixidas de gandaría deberán ser en extensivo e terán prioridade as explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico.

Os polígonos agroforestais teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva e en estado de infrautilización, recuperando a actividade agrícola ou forestal. Isto permitirá a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores.

Curso de microcredenciais

A maiores, a directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural inaugurou o curso de microcredenciais universitarias que se imparte nesta localidade. Esta iniciativa, realizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, contempla a realización de sete iniciativas de formación específica para a adquisición de competencias dixitais dirixido aos profesionais e á cidadanía das zonas rurais durante o curso 2025-26.

O contido desta formación inclúe temas como a dixitalización, o emprego da Intelixencia Artificial, o márketing dixital ou o comercio electrónico. Este programa de accións formativas está dirixido a persoas de entre 25 e 64 anos, é totalmente gratuíto para os participantes e realízase tanto en formato presencial como en liña. 

Data de actualización: 18/05/2026