A Xunta leva á Coruña unha nova xincana do proxecto ‘Localízate! no teu comercio local’ para impulsar a implicación da mocidade cos negocios de proximidade
A Coruña, 19 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova xincana urbana organizada ao abeiro do programa autonómico Localízate! no teu comercio local, unha iniciativa enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que está destinada a fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade. Así, o alumnado participante completou unha carreira por equipos polas principais rúas comerciais e prazas de abastos da cidade herculina, durante a que tiveron que resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores.
As xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, na que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado. Tras o seu paso xa por Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense e —na xornada de hoxe— A Coruña, a vindeira xincana terá lugar en Vigo este xoves 21 de maio.