O director xeral de Inclusión Social e o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos participaron hoxe nunha xornada de EAPN Galicia

A Xunta sinala o acceso á vivenda como un factor fundamental para a plena inclusión

Arturo Parrado destaca o incremento dos recursos destinados polo Goberno galego a apoiar ás persoas con dificultades para acceder ou manter unha vivenda

Pola súa banda, Ángel Luis Tarrío asegurou que, de cara ao futuro, o apoio á vivenda social continuará a ser unha prioridade nos instrumentos financeiros europeos do período 2028-2034

Santiago de Compostela, 20 de maio do 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, participaron hoxe nun seminario organizado por EAPN Galicia sobre o acceso á vivenda das persoas en risco de exclusión. O obxectivo desta xornada, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), foi o de coñecer e poñer en valor o papel que desenvolven as entidades do terceiro sector na provisión e xestión de vivenda a colectivos en situación ou risco de vulnerabilidade.

O director xeral de Inclusión Social sinalou que a inclusión residencial constitúe un elemento fundamental nos procesos de integración social, xa que dispoñer dunha vivenda é base sobre a que as persoas poden desenvolver o seu proxecto de vida. Ao respecto, apuntou que, na actualidade, a vivenda converteuse nun dos factores máis determinantes e presentes nos procesos de exclusión.

Nesta liña, Arturo Parrado destacou a cada vez maior importancia que teñen os programas de inclusión residencial, que permiten apoiar ás persoas que, debido aos seus baixos ingresos ou a outros factores, teñen dificultades para acceder ou manter unha vivenda. Nestes programas, explicou, acompáñase ás persoas mediante accións de intermediación inmobiliaria, de mediación e resolución de conflitos con propietarios e veciñanza ou de apoio na tramitación de axudas, entre outras cuestións. Os recursos que a Xunta destina a estes programas, que se desenvolven en colaboración coas entidades sociais, acadou os tres millóns de euros no exercicio pasado.

Apoio ás familias en risco de desafiuzamento

O director xeral tamén subliñou o traballo preventivo que se realiza a través do programa de apoio ás familias en risco de desafiuzamento da súa vivenda habitual, que conta con financiamento do FSE+. Con esta iniciativa, a Xunta apoia a preto de 800 familias ao ano, proporcionándolles asesoramento xurídico e económico, mediación coas entidades financeiras ou cos arrendadores ou axuda na busca dunha vivenda alternativa, entre outros aspectos.

Por último, Arturo Parrado puxo en valor o papel das entidades de iniciativa social en favor da inclusión residencial, ás que agradeceu á súa implicación para que todas as persoas, con independencia da súa situación, poidan contar cunha vivenda digna e segura na que desenvolver o seu proxecto de vida.

Pola súa parte, o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Luis Tarrio, lembrou que os fondos europeos son unha ferramenta clave para transformar esta realidade porque permiten mobilizar investimentos que melloran directamente a vida das persoas: promovendo vivenda pública, rehabilitando barrios e edificios degradados, apoiando ás entidades sociais e reforzando os servizos de acompañamento ás persoas máis vulnerables.

Programa FEDER

Nesta liña,  referiuse tamén ao Programa FEDER de Galicia, que destina preto dun 5 % dos recursos á iniciativa centrada na promoción de vivenda protexida pública e na rehabilitación de edificacións en conxuntos históricos destinadas ao alugueiro social para colectivos vulnerables con dificultades de acceso á vivenda.

Estas actuacións compleméntanse con outras financiadas co FSE+, como os programas de atención ás persoas sen fogar e de loita contra as distintas formas de exclusión residencial en Galicia, onde o papel das entidades sociais é absolutamente imprescindible.

Ángel concluíu subliñando que simposios coma este poñen de manifesto algo o acceso á vivenda non depende só da construción de inmobles ou do financiamento público, senón que require da cooperación e coordinación entre administracións e dun traballo en rede no que o Terceiro Sector achega experiencia, coñecemento da realidade e capacidade de intervención comunitaria.

Así mesmo, asegurou que, de cara ao futuro, o apoio á vivenda social continuará a ser unha prioridade nos instrumentos financeiros europeos do período 2028-2034. “Polo tanto, temos a responsabilidade de seguir aproveitando os fondos europeos como unha auténtica ferramenta de cohesión social, capaz de reducir desigualdades, combater a exclusión e garantir que ninguén quede atrás”, dixo, incidindo en que falar de vivenda é falar de dignidade, de inclusión, de igualdade de oportunidades e tamén de cohesión social e territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026