O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Santiago a nova pop-up impulsada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA)

A Xunta enxalza a nova tenda efémera de Galega de Artesáns como unha aposta innovadora pola comercialización da marca Artesanía de Galicia

O espazo estará aberto ata mediados de outubro na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, situada na rúa do Vilar, e reúne arredor de 800 pezas elaboradas por 22 obradoiros socios de AGA inscritos en Artesanía de Galicia

Ademais da actividade comercial, a pop-up concíbese tamén como un espazo de dinamización cultural arredor dos oficios artesáns, mediante demostracións en vivo, talleres e outras actividades abertas ao público

José González salienta que iniciativas coma esta contribúen a achegar os oficios artesáns á cidadanía e a poñer en valor o talento, a creatividade e a capacidade de innovación do sector artesanal galego

Tamén destaca o papel da Asociación Galega de Artesáns como entidade referente do sector en Galicia e a colaboración da Xunta coa entidade para o apoio de 12 feiras de venda directa, con próximas citas en Ribadeo, Foz, Ribeira e Ponteareas

Lembra que a artesanía é un sector prioritario para o Goberno galego, que está a traballar no marco do Plan estratéxico de comercio de Galicia 2025-2030 con especial foco na comercialización, na formación e na remuda xeracional

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a nova pop-up da Asociación Galega de Artesáns (AGA), aberta ata mediados de outubro na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, na rúa do Vilar, e que reúne arredor de 800 pezas elaboradas por 22 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. Durante a visita, o conselleiro puxo en valor iniciativas coma esta para impulsar a comercialización e visibilidade da artesanía galega, ao tempo que contribúen a achegar os oficios artesáns á cidadanía. Neste sentido, destacou que este tipo de formatos innovadores permiten poñer en valor o talento, a creatividade e a capacidade de innovación do sector artesanal galego.

O espazo ofrece unha experiencia de exposición e venda directa que permite coñecer de preto o traballo artesanal e o valor engadido que hai detrás de cada creación. Ademais da actividade comercial, a pop-up concíbese tamén como un espazo de dinamización cultural arredor dos oficios artesáns, mediante demostracións en vivo, talleres e outras actividades abertas ao público.

Así mesmo, José González salientou o papel da Asociación Galega de Artesáns como entidade referente do sector en Galicia. Con preto de 170 socios integrados en 122 obradoiros —a meirande parte inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia—, louvou que AGA leva máis de catro décadas traballando na defensa e promoción dos oficios tradicionais e da artesanía contemporánea galega, ademais de organizar feiras de referencia como Mostrart e colaborar coa Xunta na xestión e distribución do material oficial da marca Artesanía de Galicia.

O conselleiro lembrou tamén que a artesanía é un sector prioritario para a Xunta, que está a traballar no Plan estratéxico de comercio de Galicia 2025-2030 con especial foco na comercialización, na formación e na remuda xeracional. Neste ámbito, destacou programas como Aprender da tradición. Oficios e técnicas e Artesanía na escola —na que colabora o presidente de AGA, Xosé Sanín, na unidade didáctica centrada na elaboración de pandeiretas—, así como as próximas axudas previstas este ano para a formación de aprendices en oficios artesanais (1M€).

Feira Galega de Artesáns 2026

No ano 2026, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora con AGA no apoio de 12 feiras de venda directa en diferentes localidades galegas que se desenvolverán ata setembro e nas que participan exclusivamente profesionais inscritos en Artesanía de Galicia.

O obxectivo destes eventos é achegar o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia e contribuír á dinamización cultural, económica e turística das localidades participantes, ao tempo que se lles ofrece aos artesáns un espazo de venda directa de calidade.

Tras as xa celebradas en Ferrol e Ribadavia, as próximas citas previstas celebraranse en Ribadeo, do 19 ao 21 de xuño; en Foz, do 3 ao 5 de xullo; en Ribeira, os días 20 e 21 de xullo, coincidindo coa Festa da Dorna; e en Ponteareas, os días 5 e 6 de setembro, no marco da Festa dos Remedios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026