O Centro Dramático Galego estrea en paralelo as coproducións 'Somos os monstros' no Salón Teatro e 'A Fortaleza' no festival Expressão Ibérica do Porto

A primeira peza, con texto de Paula Carballeira e dirección de Magda Labarga, poderá verse do venres 22 ao domingo 24 en Santiago de Compostela

A segunda obra, de Raquel S. e A Feroz, chega tamén o día 22 ao Teatro Municipal de Matosinhos Constantino Nery dentro do Festival Internacional de Expressão Ibérica

As dúas montaxes danlle continuidade este ano á actividade coprodutora da unidade teatral da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O Centro Dramático Galego estrea esta semana dúas novas coproducións que reforzan a actividade da unidade teatral da Xunta en 2026 e a súa participación en espectáculos promovidos por compañías galegas e portuguesas. Trátase de Somos os monstros, con texto e dramaturxia de Paula Carballeira e dirección de Magda Labarga, que poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela do venres 22 ao domingo 24 de maio, e A Fortaleza, creación de Raquel S. e a compañía A Feroz, que chegará tamén o venres 22 ao Teatro Municipal de Matosinhos Constantino Nery no marco do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI) do Porto, onde ofrecerá unha segunda función o sábado 23.

Con estas dúas estreas, a Xunta de Galicia dálle continuidade á liña coprodutora do Centro Dramático Galego, que este ano se abriu con Black Box. Unha saga épica, de Hugo Torres, presentada o pasado día 10 no Salón Teatro como peche do festival Escenas do cambio. Os novos proxectos afondan na cooperación con estruturas escénicas portuguesas, ao tempo que se contribúe aos procesos de creación vinculados a compañías e artistas de Galicia.

Coproducida entre o Centro Dramático Galego, a compañía galega Berrobambán e as lusas Terra Amarela e Comédias do Minho, Somos os monstros parte do texto homónimo de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, co que gañou o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. O proxecto conta tamén coa colaboración do Concello de Ponteareas, onde desenvolveu unha residencia artística do programa ArtisTea.

Inclusión e accesibilidade tamén para público infantil

A obra sitúase nun bosque queimado e entre casas en ruínas, onde dous irmáns saen xogar ao anoitecer, pérdense e descobren que, nas sombras, viven os monstros. Dirixida a público a partir de 12 anos, a montaxe concíbese como unha proposta inclusiva e accesible, cun elenco diverso no que conviven diferentes corpos, identidades e linguas. En escena empréganse galego, portugués, lingua de signos española e lingua xestual portuguesa, audiodescrición poética, sobretítulos adaptados e a posibilidade de visitas táctiles previas ás funcións para persoas con discapacidade visual. O reparto está integrado por Manu Estévez, Areta Bolado, Emma Vallejo, Juliana Campos e Tony Weaver. A ficha artística complétase con Montse Piñeiro na escenografía, Kifi Lab no vestiario, Brais Iriarte na música e Nuno Samora na iluminación.

Somos os monstros terá funcións no Salón Teatro compostelán os días 22, 23 e 24 de maio ás 18,00 h., con entradas á venda na plataforma en liña Ataquilla e no despacho físico de billetes da rúa Nova desde as 16,00 h.

Memoria, escena e resistencia

Pola súa banda, A Fortaleza é unha coprodución do Centro Dramático Galego co Festival Internacional de Expressão Ibérica e a compañía galega A Feroz. A creación de Raquel S. parte da figura da guerrilleira Consuelo Rodríguez López (Chelo) para explorar as pegadas invisibles da loita, as herdanzas que permanecen no tempo e as violencias íntimas e colectivas que atravesan as persoas antes de que explote calquera guerra.

O espectáculo bebe da investigación de Aurora Marco, autora de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, quen comparte o espazo escénico con Bea Romero, Gustavo Freire, Lorena Conde, Inés Salvado Gontad e Mariana Leite Soares. A proposta combina teatro, investigación, memoria histórica e acción performativa. Con texto de Raquel S. e Lorena Conde, conta con deseño de iluminación de Raul Giraldo, son de Mariana Leite Soares, escenografía de Cristóvão Neto, vestiario de A Feroz e produción, comunicación e difusión de Nuno Eusébio.

A Fortaleza poderá verse como parte da carteleira do FITEI o venres 22 ás 19,00 h. e o sábado 23 ás 21,30 (hora portuguesa) na Sala Principal do Teatro de Matosinhos. As localidades están á venda a través da web bilheteiraOnline. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026