A Xunta pon de relevo a importancia da prevención de riscos no sector forestal con novas accións a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia
Pontevedra, 20 de maio de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá en Pontevedra na apertura do curso Gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal, organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). No Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, enmarcou a iniciativa no programa específico para o sector forestal, da silvicultura e da industria madeireira que inclúe a realización de accións de asesoramento, información e sensibilización para avanzar na prevención de riscos e na redución da sinistralidade laboral nestas actividades.
O secretario xeral destacou a aposta autonómica por fórmulas innovadoras como a gamificación co gallo de complementar a metodoloxía formativa tradicional e influír, neste caso, no comportamento das persoas durante o manexo de ferramentas e equipos de traballo empregados no sector forestal. A acción foi desenvolvida polo grupo de traballo forestal do Issga, integrado por representantes das principais empresas do sector e por persoal técnico do instituto, para facer fincapé nun eido económico considerado de actuación prioritaria dentro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.