A Xunta pon en servizo as dúas pistas de pickleball que acondicionou no Espazo Xove de Viveiro

Alumnado de 1º da ESO do IES Vilar Ponte participou na xornada inaugural das instalacións, á que acudiron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses

Viveiro (Lugo), 20 de maio de 2026

A Xunta pon á disposición da mocidade de Viveiro as dúas pistas de pickleball que habilitou no Espazo Xove da localidade. As novas instalacións estreáronse hoxe cunha actividade na que participaron preto de 50 alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES Vilar Ponte.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiron á xornada, onde explicaron que o Goberno galego destinou 25.000 euros ás obras necesarias para acondicionar dúas canchas regulamentarias na zona exterior do recinto.

O pickleball é un deporte de raqueta en auxe e a Xunta está a impulsar a súa práctica con actividades promocionais organizadas no marco do programa Xogade, que trata de fomentar o exercicio físico entre os escolares.

Ambos responsables autonómicos destacaron ademais que a nova dotación enriquece a oferta de actividades de ocio, deporte e aprendizaxe non formal do Espazo Xove vivariense, un centro dependente da Xunta especializado na información e dinamización xuvenil.

Instalacións

O pickleball é unha modalidade deportiva apta para todas as idades, que combina elementos do tenis, o pádel ou o bádminton. Xógase en pistas similares ás de bádminton pero cunha rede máis baixa, que teñen algo máis de 13 metros de lonxitude e unha anchura necesaria de 6,10 metros para os partidos de dobres e 3,05 metros para os individuais. Utilízanse pelotas perforadas e raquetas sólidas e lixeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026