A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou esta tarde en San Caetano o convenio co alcalde, José Manuel Garrido
O Concello da Merca adhírese ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de oito vivendas protexidas na Manchica
A través deste acordo, a Xunta pon a disposición do Concello esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, oito parcelas situadas na rúa Val do Seixo, para a construción de oito vivendas unifamiliares
O obxectivo da iniciativa é axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro
Este convenio súmase aos outros xa rubricados cos concellos das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino, Verín e Santa Comba
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta tarde co alcalde da Merca, José Manuel Garrido, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio. Nesta sinatura tamén estivo a directora territorial en Ourense, Pilar Fernández León.
A través deste convenio, a Xunta pon a disposición do Concello da Merca esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, un total de oito parcelas, 7 de 153 m² e 1 de 260m2, situadas na rúa Val do Seixo, na parroquia de Nosa Señora de Lourdes da Manchica. O obxectivo é a construción de oito vivendas unifamiliares protexidas.
Seguindo o marco do acordo asinado hoxe, a Xunta sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) tamén se encargará da publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que os concellos unicamente terán que remitir a información sobre as parcelas a adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
O Goberno galego segue sumando colaboración con máis concellos, tras os rubricados cos municipios das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino, Verín e Santa Comba.
Este novo programa do departamento que dirixe M. Allegue está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo par adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.