Medio Rural pide ao Ministerio máis flexibilidade no uso do xurro como fertilizante natural e que defenda na UE facilidades na aplicación aérea de fitosanitarios

A conselleira María José Gómez trasladou esta tarde as demandas, en liña coas reclamacións do sector, ao ministro Luis Planas durante a súa participación, por vía telemática, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

O Goberno galego defende estas medidas para compensar o incremento do prezo dos fertilizantes pola conxuntura internacional, que provoca tamén dificultades na súa dispoñibilidade, así como para reducir a dependencia externa da UE neste eido

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, solicitou esta tarde ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha maior flexibilidade para aplicar xurro como fertilizante natural, sempre actuando con responsabilidade. Defendeu que se trata dun abono de moitísima calidade, accesible e “de quilómetro cero”. Con todo isto, segundo explicou Gómez, procúrase unha compensación ao importante incremento dos prezos destes produtos pola conxuntura internacional actual, que está a provocar tamén dificultades en canto á súa dispoñibilidade nos mercados, así como unha redución da súa dependencia externa.

Ao tempo, a conselleira pediu tamén que o MAPA axilice as negociacións coa UE para que esta, á súa vez, flexibilice a normativa para os tratamentos aéreos con fitosanitarios, que actualmente é moi restritiva. Tamén, para poder incorporar novos produtos que se poidan empregar especificamente para isto.

Maior uso de drons para aplicar tratamentos

Neste sentido, cómpre sinalar que actualmente o uso de drons para aplicación de tratamentos con fitosanitarios non está permitido salvo en casos especiais, que requiren autorización expresa por parte do órgano competente, ou cando sexan promovidas pola propia administración tanto para o control de pragas moi graves ou que supoñan unha rápida extensión sobre determinados cultivos ou áreas específicas.

A conselleira fixo estas demandas, en liña coas reclamacións realizadas polo propio sector agrogandeiro, durante a súa participación, de xeito telemático, na reunión do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidida polo titular do MAPA, Luis Planas.

Prioridades actuais na axenda agrogandeira 

No actual contexto mundial, a dispoñibilidade e os prezos dos fertilizantes volven situarse na axenda da política agrícola e, en liña coas disposicións comunitarias ao respecto, cobra aínda máis importancia a necesidade de impulsar medidas a curto, medio e longo prazo para mellorar a autonomía estratéxica da UE no uso destes produtos.

Estas actuacións deberían ter como obxectivo final apoiar os agricultores, promover sistemas alimentarios resilientes e salvagardar un acceso asequible dos alimentos para os consumidores.

Por outra banda, en relación coa aplicación do tratado co Mercosur, a conselleira insistiu na importancia de seguir reforzando os controis para garantir que a entrada de produtos agroalimentarios de terceiros países (de fóra da Unión Europea) cumpra estritamente a normativa e os requisitos establecidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026