A Xunta pon en valor nas 1ª xornadas técnicas de protección da legalidade urbanística de Badajoz o exemplo da actuación de inspección da APLU en Galicia

Almendralejo (Badajoz), 21 de maio de 2026

A Xunta puxo hoxe en valor nas Xornadas técnicas de protección da legalidade urbanística, organizadas pola Deputación de Badajoz na localidade extremeña de Almendralejo, o exemplo da actuación de inspección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) en Galicia.

A directora da APLU, Victoria Núñez López, asiste como participante  ás I Xornadas Técnicas do Organismo Autónomo de Protección da Legalidade Urbanística-RESTAURA, que se desenvolven os días 20 e 21 de maio. No marco destas xornadas, Núñez exerceu hoxe como moderadora da terceira mesa de debate, centrada na inspección urbanística, na que interviron representantes da Garda Civil, da Fiscalía de Medio Ambiente e do Concello de Badajoz.

Ademais, a subdirectora da APLU, Olalla Flores Fernández, participou o día anterior na sesión dedicada á execución forzosa das medidas de reposición da realidade física alterada en vía administrativa e xudicial, xunto con maxistrados e representantes da xudicatura estremeña.

A participación da APLU nestas xornadas prodúcese tras o interese amosado polo Organismo Autónomo Provincial de Protección da Legalidade Urbanística polo funcionamento e o modelo de xestión da APLU, despois da visita institucional realizada o pasado ano a Galicia por unha delegación deste organismo para coñecer de primeira man o labor desenvolvido pola entidade autonómica ao longo dos seus máis de 15 anos de traxectoria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026