A Xunta de Galicia conciencia á mocidade de Vigo sobre a importancia do comercio local cunha nova xincana da iniciativa ‘Localízate’

Vigo, 21 de maio de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe nunha nova xincana urbana da iniciativa autonómica Localízate! no teu comercio local, dirixida a fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade e enmarcada —neste caso— nas actividades da Semana da Administración Aberta 2026. O alumnado participante completou unha carreira por equipos polas principais rúas comerciais e prazas de abastos da cidade viguesa, durante a que tiveron que resolver diferentes probas en contacto estreito cos comercios colaboradores.

Dentro das accións previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, estas xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, na que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado. Tras o seu paso xa por Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, A Coruña e —na xornada de hoxe— Vigo, a vindeira xincana terá lugar en Pontevedra o próximo martes 26 de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026