A Xunta abre á participación de axentes culturais e sociais a elaboración do Plan de accesibilidade e inclusión cultural de Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove un proceso colaborativo na configuración da folla de ruta das políticas públicas do Goberno galego neste eido

Solicítaselles as súas achegas como primeiro paso dunha diagnose inicial que permita identificar necesidades e definir prioridades de actuación

O obxectivo é avanzar cara a un modelo cultural baseado na igualdade de oportunidades, na eliminación de barreiras e no recoñecemento da diversidade

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

A Xunta abre á participación dos principais axentes culturais e sociais a elaboración do Plan de accesibilidade e inclusión cultural de Galicia. O obxectivo é promover un proceso colaborativo na configuración da folla de ruta das políticas públicas neste eido do Goberno autonómico.

Como primeiro paso deste procedemento colaborativo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de solicitarlles as súas achegas ás entidade e organizacións representativas dos ámbitos da cultura, a discapacidade, a inclusión social e outras realidades vencelladas á vulnerabilidade ou ao risco de exclusión cultural, coa finalidade de identificar necesidades e definir prioridades de actuación.

Para iso, o departamento de Cultura da Xunta acaba de facerlles chegar un formulario co obxecto de dispoñer dunha diagnose inicial compartida que sirva de base aos traballos posteriores. Deste xeito, procúrase coñecer os principais retos actuais, ámbitos prioritarios de intervención, barreiras existentes e propostas de mellora que consideran que deberían ser tidas en conta na elaboración deste plan, co que o Goberno galego aspira a consolidar unha Galicia máis accesible, participativa e culturalmente máis inclusiva.

Cómpre lembrar que este proceso se pon en marcha ao abeiro do desenvolvemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada no Parlamento galego o pasado ano sen ningún voto en contra, e co que Galicia non só se converteu na primeira Comunidade Autónoma en contar cunha normativa cultural desde esta perspectiva inclusiva, senón que foi pioneira en Europa a respecto desta materia lexislativa.

Data de actualización: 21/05/2026