A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Vivienda y Agenda Urbana.

Allegue: “o Plan Estatal de Vivenda chega tarde, sen consenso coas comunidades autónomas e con financiamento insuficiente”

“Galicia non está de acordo con este plan, pero temos que aceptalo porque non podemos detraer fondos que son necesarios para as comunidades autónomas”, sinalou a conselleira

Lembrou que o Plan tiña que estar operativo o 1 de xaneiro e a demora impide ás autonomías a convocatoria de axudas fundamentais como as dirixidas a comunidades de propietarios, de alugueiro ou destinadas a promotores

Recordou que o Plan impón ás comunidades unha cofinanciación obrigatoria do 40% e mentres Galicia ten que quintuplicar a aportación, o Estado só a duplica

Criticou o financiamento insuficiente, pois “para construción de vivenda protexida, as axudas só alcanzan para arredor de 600 vivendas ao ano, o que resulta irrisorio”

A conselleira reclamou tamén na Conferencia que se aplique un IVE superreducido, do 4%, para a adquisición de vivenda protexida

Madrid, 21 de maio de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, lamentou hoxe que o Plan Estatal de Vivenda “chega tarde, sen consenso coas comunidades autónomas e con financiamento insuficiente”. Tras participar, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, na Conferencia Sectorial de VivIenda y Agenda Urbana celebrada en Madrid, Allegue subliñou que “Galicia non está de acordo con este plan, pero temos que aceptalo porque non podemos detraer fondos que son necesarios para as comunidades autónomas e que se destinen á cidadanía ”.

Durante a súa intervención na Conferencia, a conselleira puxo de manifesto o retraso do plan, que tiña que estar operativo o 1 de xaneiro, como comprometera a ministra de Vivienda. E criticou que esta demora retrasa a convocatoria por parte das comunidades autónomas de liñas de axudas fundamentais, como son as destinadas á comunidades de propietarios, alugueiro ou promotores.

Explicou que o Goberno aínda ten que aprobar o Plan no Consello de Ministros, publicalo no BOE e conveniar coas diferentes autonomías para logo transferir fondos e que as comunidades poidan realizar as convocatorias. Neste sentido, indicou que se trata “dun ano perdido que, na situación actual de demanda de vivenda, é unha irresponsabilidade por parte do Goberno central”.

Financiamento

Así mesmo, cualificou este plan de “infrafinanciado” e “insuficiente”. Neste senso, sinalou que o Plan impón ás comunidades unha cofinanciación obrigatoria do 40% e mentres que Galicia ten que quintuplicar a aportación, o Estado só a duplica.

Como exemplo desta insuficiencia económica, Allegue cuestionou que para a construción de vivenda protexida, “as axudas só alcanzarán para arredor de 600 vivendas ao ano, o que resulta irrisorio”. Así mesmo, no eido da rehabilitación, a conselleira sinalou que dará para 800 vivendas ao ano, “e tendo en conta a demanda que hai por parte de comunidades de propietarios, é unha tomadura de pelo”.

IVE superreducido

A conselleira reclamou tamén na Conferencia que se aplique un IVE superreducido, do 4%, para a adquisición de a vivenda protexida.

En canto ao desenvolvemento de solo residencial, cuestionou tamén que Galicia só poderá recibir 9M€ nos catro anos que dura o plan, cando a Xunta, na súa Estratexia de Desenvolvemento de Solo, destina a este eido un total de 300M€

“Plan ríxido”

Lamentou tamén que o plan non recolle moitas das demandas que suxeriu a Xunta “e segue sendo totalmente ríxido, que impón ás comunidades requisitos, porcentaxes, e ata como temos que contratar”. Apunta que cada comunidade ten as súas particularidades e debería deseñar as súas ordes de axudas en lugar de desenvolver as predeterminadas polo Ministerio de Vivenda. Esta situación supón, segundo Allegue, “unha falta absoluta de confianza nas comunidades”.

Engadiu neste senso que o plan establece que, de xeito obrigatorio, para poder recibir axudas á promoción de vivenda, estas teñen que ter cualificación permanente, “o que supón unha inxerencia nas competencias das comunidades, xa que o propio Tribunal Constitucional estableceu que son as comunidades as que teñen que establecer, se queren, cualificación permanente ou non”.

Data de actualización: 21/05/2026