Román Rodríguez sinala o investimento de 1,5 M€ en obras nos centros educativos de Chantada como un exemplo do compromiso da Xunta co ensino no rural
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o novo salón de actos do Instituto Lama das Quendas, cun aforo de máis de 200 persoas
Ademais desta obra, destacan as reformas realizadas no Colexio Plurilingüe Xoán de Requeixo e no IES Val do Asma
Chantada (Lugo), 21 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe un investimento da Xunta na mellora dos centros de ensino de Chantada de máis de 1,5 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Fíxoo na inauguración do novo salón de actos do Instituto Lama das Quendas, unha das actuacións incluídas nesta programación e que contou cun orzamento de preto de 750.000€.
Entre as intervencións máis destacadas, o representante do departamento educativo do Goberno galego explicou que, ademais desta obra, o ano pasado executáronse diferentes melloras no edificio de aulas e no comedor do Colexio Plurilingüe Xoán Requeixo. No primeiro deles acometeuse o cambio de fiestras e portas, así como o cambio da cuberta da zona do ximnasio; mentres que no comedor se cambiou tamén a cubrición. A actuación contou cun orzamento de máis de 460.000€. Así mesmo, tamén no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, investíronse preto de 300.000€ na renovación de fiestras, portas, canlóns e falsos teitos do IES Val do Asma.
“Estamos a falar, en todos os casos, de obras moi importantes para mellorar a comodidade diaria da comunidade escolar chantadina”, sinalou o conselleiro, incidindo en que este tipo de actuacións “reafirman o compromiso da Xunta coa prestación de servizos públicos de calidade e co ensino no rural”.
Aforo de máis de 200 persoas
O novo salón de actos do IES Lama das Quendas ten un aforo de máis de 200 persoas e unha superficie de case 348 m². Conta con 206 butacas, tres prazas reservadas para cadeiras de rodas, ademais de escenario, camerinos, almacén, espazos técnicos e unha zona destinada á gravación de actividades. A cuberta a dúas augas que permite a entrada de luz cenital e a ventá orientada cara ás árbores da parcela crean unha conexión visual coa contorna natural.
O novo espazo construíuse na parte traseira da parcela do centro, deseñado para adaptarse tanto á configuración dos edificios existentes como á contorna natural. O proxecto tivo especialmente en conta a conservación das árbores de gran porte e a forte pendente do terreo, co obxectivo de minimizar os movementos de terra e a afección ambiental. A solución arquitectónica adoptada, cunha forma ovalada, permitiu mellorar a integración paisaxística, así como acadar unha boa acústica para as actividades que se realicen nel.
A construción do salón de actos completa a rehabilitación enerxética realizada neste centro en 2020, que contou cun investimento de 650.000 €.