A Xunta lévalle aos escolares de Cedeira o seu proxecto Artesanía na Escola de divulgación dos oficios tradicionais

O artesán Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica Eu son artesán de figuras de pan, achegouse esta mañá ata o CEIP Nicolás del Río para amosarlle ao alumnado o oficio de elaboración dos amuletos típicos de Santo André de Teixido

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa este proxecto de divulgación no que se presentan os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se contribúe a concienciar sobre o produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia

Cedeira (A Coruña), 25 de maio de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia vén de ampliar o proxecto Artesanía na Escola cunha nova unidade didáctica, a terceira, protagonizada por Jorge Bellón e centrada na elaboración dos sanandresiños, os amuletos típicos de Santo André de Teixido (Cedeira) realizados a partir de miga de pan. Esta mañá Jorge Bellón achegouse ata o CEIP Nicolás del Río, en Cedeira, para facer unha demostración do seu oficio como complemento a esta unidade didáctica na que estivo traballando o alumnado previamente. 

Eu son artesán de figuras de pan céntrase no oficio elaboración das tradicionais figuras de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man. O artesán Jorge Bellón dedícase a reproducir estes amuletos ancestrais que se empregaban tradicionalmente para apelar a protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde e para a amizade, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.

Artesanía na Escola

Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

O proxecto iniciouse coa unidade didáctica Eu son zoqueira, dedicada ao oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces). A segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional, está protagonizada por Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) e centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2026