O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Santiago na entrega de premios da primeira campaña do ano en colaboración coa Federación Galega de Comercio
A Xunta pon de relevo accións dinamizadoras como a campaña Días Azuis e os Bonos Activa Comercio para impulsar o consumo e as vendas de proximidade
José González destacou os 20.000 euros en premios entregados neste acto final da campaña de Días Azuis, así como os case 110.000 tíckets de compra rexistrados en máis de 160 localidades que supuxeron mobilizar uns 2,9 M€ en vendas
Canto aos Bonos Activa Comercio, puxo en valor o arranque da primeira edición do ano con máis de 6.300 establecementos adheridos e un montante en descontos de 2,5 M€
Destacou que a colaboración coa Federación Galega de Comercio supón reforzar o asesoramento e formación para impulsar o emprendemento e a remuda, avanzar na capacitación e profesionalización do sector, así como dar pulo á dixitalización
Lembrou que está aberto ata o 19 de xuño o prazo para presentar candidaturas aos Premios do Comercio Galego 2026, que buscan recoñecer os profesionais do sector
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, participou esta tarde no acto de entrega de premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego, no marco da colaboración autonómica coa Federación Galega de Comercio. Na cerimonia que tivo lugar na Cidade da Cultura, puxo de relevo esta acción dinamizadora e tamén a dos Bonos Activa Comercio, cuxa primeira edición de 2026 se activou onte pola mañá e se salda xa con máis de 6.300 establecementos adheridos.
Destacando os máis de 40 anos de historia da Federación Galega de Comercio, o conselleiro agradeceu o traballo da entidade da man da Xunta co propósito de impulsar a competitividade e profesionalización do comercio de proximidade. Un traballo que se consolida neste 2026 con iniciativas xa coñecidas como a campaña Días Azuis do Comercio Galego, que se desenvolveu entre os pasados 10 e 30 de abril e que hoxe se clausura coa entrega de 20.000 euros en premios sorteados entre as persoas consumidoras que realizaron compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.
En concreto, repartíronse 44 tarxetas prepago de 250 euros —11 por cada provincia— e outras 60 de 150 euros —15 por provincia— para gastar nos comercios galegos. A maiores, unha persoa asistente ao acto de hoxe resultou beneficiaria dun premio adicional de 2.500 euros, que deberá empregarse nunha única xornada de compras na localidade que elixa.
González constatou que se rexistraron en total uns 110.000 tíckets de compras realizadas en máis 160 localidades galegas, unha cantidade que supón uns 2,9 M€ en volume de vendas. Aproveitou para lembrar que tamén está en marcha a campaña Merca no teu comercio, que percorrerá —na liña do ano pasado— 40 localidades que non teñen centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes. Tras as primeiras campañas desenvolvidas do 1 ao 15 de maio nunha decena de concellos, actualmente está a piques de pechar a segunda quenda, do 15 ao 30 deste mes, noutra vintena. En cada unha desas accións, recordou, sortearanse 20 tarxetas regalo por valor de 50 euros.
O colaboración coa Federación Galega de Comercio vai máis aló, segundo o representante autonómico, e este ano seguiranse reforzando as liñas de asesoramento, formación e información para impulsar o emprendemento e a remuda xeracional no eido do comercio e avanzar na súa capacitación e profesionalización, así como dando pulo á dixitalización co gallo de consolidar o comercio electrónico e a promoción vía web e redes sociais.
Bonos Activa Comercio
O conselleiro aproveitou o acto para celebrar a boa marcha da primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio, a través de bonos desconto de ata 30 euros por un montante total de 2,5 M€ coa previsión de mobilizar arredor de 8,5 M€ en vendas. En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 M€ en 2026 a esta campaña.
O éxito das edicións anteriores avala a continuidade desta medida, que só o ano pasado conseguiu mobilizar máis de 22,3 M€ en máis de 7.400 establecementos, superándose os 122 M€ en vendas desde a primeira edición de 2021. Ao igual que en 2025, este ano a adhesión dos establecementos, aberta o pasado 27 de marzo, realízase unha única vez para todas as edicións do ano, co obxectivo de gañar axilidade e reducir trámites.
Como principal novidade, habilitouse un sorteo nas contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram que concluirá coa entrega de catro bonos adicionais de 250 euros cada un.
Premios Comercio Galego
Dentro da ampla batería de medidas da Xunta en beneficio do comercio galego, José González tamén se referiu aos Premios do Comercio Galego 2026, que teñen aberto ata o 15 de xuño o prazo para presentar candidaturas. En concreto, o Premio Comercio Galego (5.000 €) recoñecerá os negocios que destaquen por implantar un modelo comercial innovador, competitivo e adaptado aos novos retos do sector; o Comercio Traxectoria (3.000 €) distinguirá a traxectoria de establecementos con especial arraigo; o Comercio Emprende (3.000 €) premiará proxectos comerciais novos e diferenciados; o Comercio Dinamización (5.000 €) salientará as mellores iniciativas de dinamización comercial e, por último, o Premio Comercio Sostible (3.000 €) porá en valor accións e proxectos vinculados á promoción dun consumo responsable e sostible.