Belén do Campo destaca o papel das prazas de abastos como motor económico e social durante a campaña ‘Quere o teu mercado’ no mercado de San Agustín
A representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta ten en marcha diferentes programas destinados á modernización e revitalización das prazas de abastos galegas, cun investimento superior aos 2,3 millóns de euros para o período 2026-2027
A Coruña, 30 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola presidenta da praza de abastos de San Agustín, Ángela Barrán, participou esta mañá na praza de abastos de San Agustín nas actividades organizadas con motivo da campaña Quere o teu mercado, unha iniciativa promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que se desenvolve de maneira simultánea en mercados de toda Galicia para fomentar o consumo de produtos de proximidade e reforzar o papel do comercio local. Neste senso, a delegada destacou a relevancia dos mercados como impulsores da venta de produtos de calidade como os peixes, mariscos, a carne, os queixos, a froita, produtos de horta, e de proximidade.
A representante do Goberno galego destacou a importancia destes espazos tradicionais como puntos de encontro entre praceiros e consumidores como elementos clave para a dinamización económica dos barrios e concellos. “As prazas de abastos son moito máis que lugares de compra; son espazos vivos que contribúen a manter a identidade comercial das nosas cidades e a impulsar a economía local”, sinalou.
A campaña na que participan os mercados galegos, entre eles sete son da cidade da Coruña: San Agustín, Elviña, Praza de Lugo, Monte Alto, As Conchiñas, Ramón Cabanillas e Adormideras.
Durante a visita, Belén do Campo puido compartir con comerciantes e usuarios unha xornada festiva na que se desenvolveron distintas actividades dirixidas a todos os públicos. Concretamente na praza de abastos de San Agustín organizaronse actividades para 20 nenos de entre 6 e 12 anos que consistiron nun recorrido polo mercado interactuando cos praceiros e cunha explicación dos beneficios de consumir produtos de proximidade. Ademais participaron nun taller para personalizar unha mochila con produtos domercado, xunto cun photocall, unha escenificación teatral e un video resumo da actividade realizada. Segundo indicou, este tipo de accións que se organizaron por toda Galicia “axudan a achegar os mercados á cidadanía, atraer novos consumidores e poñer en valor a calidade e profesionalidade das praceiras e praceiros”.
Como apoio á iniciativa, a Xunta distribuiu nesta praza de abastos material promocional específico entre os participantes, incluíndo 75 mandís, 10 mandís peixeiros e 1.000 bolsas reutilizables de algodón.
A delegada incidiu en que esta iniciativa forma parte da aposta continuada da Xunta polo fortalecemento do comercio de proximidade, un sector que considerou estratéxico pola súa capacidade para xerar emprego, crear actividade económica e fixar servizos de calidade nos núcleos urbanos. “Falamos dun sector fundamental para o desenvolvemento económico e social de Galicia e que merece seguir contando co apoio das administracións”, apuntou.
Neste contexto, lembrou que a Xunta ten en marcha diferentes programas destinados á modernización e revitalización das prazas de abastos galegas, cun investimento superior aos 2,3 millóns de euros para o período 2026-2027. Estas liñas de apoio permitirán acometer actuacións de mellora das instalacións, incorporar novos servizos para a clientela, impulsar a transformación dixital dos mercados e desenvolver campañas de promoción comercial.
Belén do Campo destacou tamén a relevancia da iniciativa Mercados Excelentes, creada para recoñecer aqueles mercados que sobresaen pola súa calidade, innovación, sustentabilidade e compromiso coa tradición comercial galega. Este programa contempla accións de asesoramento especializado, acompañamento técnico e elaboración de plans de mellora para favorecer a obtención e consolidación deste distintivo.
A delegada subliñou o compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—, que continúan a ser espazos esenciais para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio. Subliñou tamén o seu papel como motores de comercio de atracción e como lugares versátiles e con gran capacidade de adaptación e innovación fronte ás novas tendencias de consumo, que acollen accións culturais, iniciativas gastronómicas e propostas que favorecen novas sinerxías entre prazas de abastos, hostalaría e cociña.