A Xunta impulsa a investigación de excelencia co novo instituto iTERRA no Campus Terra de Lugo
O centro reforza o papel de Galicia como referente en I+D+i en saúde global e sustentabilidade con impacto real na contorna
O Goberno galego está a investir máis de 13,5 M€ no desenvolvemento da estratexia de especialización do Campus Terra
Lugo, 2 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola investigación universitaria e pola innovación co impulso ao novo Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA), un proxecto estratéxico promovido no marco do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participaron na presentación desta nova infraestrutura científica, chamada a converterse nun referente en investigación aplicada aos grandes retos do territorio e da sociedade.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o iTERRA “vén culminar o excelente traballo desenvolvido polo Campus Terra en materia de investigación nos últimos anos, que toma agora a forma dun centro de investigación e abre novas oportunidades e perspectivas de proxección internacional”. Así mesmo, subliñou que a Xunta “segue a apostar por fortalecer as capacidades investigadoras das universidades galegas, promovendo estruturas estables que favorezan a captación de talento, a transferencia de coñecemento e a colaboración entre a comunidade científica e o tecido socioeconómico”.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na mesa de diálogo iTerra e a conexión coa sociedade. Durante a súa intervención, resaltou que a investigación agraria, a innovación agroalimentaria e a transferencia de coñecemento constitúen unha aposta estratéxica da Xunta para mellorar a competitividade do sector e xerar novas oportunidades de futuro no rural.
Así mesmo, asegurou que Galicia conta “con talento investigador, capacidade innovadora e un sector comprometido”. O reto actual polo que está a apostar o Goberno autonómico, afirmou, é conectar estas fortalezas para que o coñecemento se transforme en desenvolvemento e oportunidades no territorio.
Impacto na contorna
O iTERRA configúrase como un instituto interdisciplinar centrado na saúde global e no desenvolvemento sostible, integrando áreas como a saúde humana e animal, a alimentación, a sustentabilidade ambiental e as tecnoloxías avanzadas baixo o enfoque One Health, que promove unha visión integrada da saúde das persoas, os animais e o medio ambiente. Esta estrutura científica estable permitirá avanzar na definición dun plan estratéxico propio e incorporar máis persoal investigador, ao tempo que se incrementa a colaboración co tecido produtivo e a sociedade, impulsando un modelo de investigación con impacto real na contorna.
Neste sentido, cómpre salientar que un dos principais obxectivos do Campus Terra é aproveitar as sinerxías co sector primario, de gran relevancia na provincia, para reforzalo e incrementar a innovación e investigación ao seu redor. A Xunta de Galicia está a investir máis de 13,5 M€ para impulsar esta especialización do campus lucense e, a través do convenio de reacreditación, achega unha dotación específica superior aos 258.000 euros para o impulso do iTERRA.
A xornada de presentación incluíu microintervencións de persoal investigador do Campus Terra baixo o lema Ciencia conectada para retos complexos, así como unha mesa de diálogo centrada no papel do novo instituto e na súa conexión coa sociedade, na que participaron representantes institucionais e da comunidade investigadora.