O Goberno do Estado obriga á Xunta a abandonar o programa de auxiliares de conversa o vindeiro curso

A Xunta comunica na Conferencia Sectorial de Educación esta decisión, logo de que o Ministerio recoñecera esta semana por escrito que as inspeccións poden seguir

Rexeitan a posibilidade formulada pola Xunta, que ofreceu transferir 4,8 M€ de fondos autonómicos ao Ministerio para que poidan incorporar estes auxiliares

“Sentímonos estafados e enganados ante un Goberno central que se lava as mans e nos deixa aos pés dos cabalos. É o único responsable”, denuncia o secretario xeral

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

O Goberno do Estado aboca á Xunta a prescindir do programa de auxiliares de conversa o vindeiro curso, logo de que o Ministerio de Educación veña de recoñecer por escrito á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que as inspeccións de Traballo poden continuar, expoñendo a Galicia a multas millonarias como as xa impostas noutras comunidades autónomas.

O secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron esta mañá de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Educación, onde se puxo de manifesto a falta de vontade do Ministerio por resolver un problema creado por eles mesmos, do que a Consellería vén advertindo desde hai meses e para o cal non ofrece ningún tipo de solución nin certezas xurídicas, como se lle esixiu en reiteradas ocasións.

 “Sentímonos estafados e enganados por un Goberno central que se lava as mans ante as incongruencias, irresponsabilidade e enfrontamento entre dous ministerios dun mesmo executivo, o de Educación, en mans do PSOE, e o de Traballo, en mans de Sumar”, denunciou o secretario xeral técnico, que reiterou que o Goberno do Estado“ é o único responsable” de que Galicia non poida continuar co programa.

De feito, expuxo na reunión que esta mesma semana, o Ministerio de Traballo venlle de reclamar á Xunta nova documentación sobre o expediente aberto na provincia da Coruña e que podería derivar en multas con cargo ao peto de todos os galegos pese a estar cumprindo as bases do programa fixadas polo Ministerio de Educación.

Ante este escenario, a Xunta de Galicia ofreceuse a ceder ao Goberno do Estado os 4,8 M€ de fondos autonómicos que dedica cada curso ao programa de auxiliares de conversa, de xeito que fóra o Ministerio de Educación o que se encargara directamente da incorporación destas persoas durante o vindeiro curso 2026-2027. Isto, á vista das sentenzas noutras comunidades, permitiría evitar as inspeccións de Traballo, que só se dirixen aos auxiliares que dependen das comunidades e non aos do propio Ministerio.

Novo programa autonómico

Dado que a única resposta obtida polo Ministerio é o recoñecemento de que as inspeccións poden continuar, o Goberno galego vai seguir actuando coa máxima responsabilidade ante a cidadanía e, polo tanto, dedicará os 4,8 M€ do programa a novas accións de carácter autonómico para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado galego, que está á cabeza de España en inglés, segundo o informe EF.

Cómpre lembrar que o programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación, que é quen marca os requisitos. O Goberno galego sempre cumpriu coas condicións fixadas desde o Estado e, ademais, faise cargo da maior parte do custo do mesmo asumindo o 90% do seu financiamento. As persoas que participan neste programa non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas e seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).

Data de actualización: 03/06/2026