Belén do Campo destaca en Vedra o apoio da Xunta de preto de 60.0000 € para mellorar a eficiencia enerxética da súa Biblioteca- Ludoteca e da escola infantil

A delegada da Xunta puxo en valor “o firme compromiso da Xunta de Galicia cos concellos do rural para que poidan seguir avanzando en sustentabilidade, modernización de servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”

Vedra (A Coruña), 4 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou hoxe o municipio para comprobar as actuacións executadas grazas ao apoio do Goberno galego, de preto de 60.000 euros, ao abeiro da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para concellos con población inferior a 15.000 habitantes.

Durante a visita, a representante do Executivo autonómico puxo en valor as actuacións que permitiron renovar os sistemas de calefacción da Biblioteca-Ludoteca e da Escola Infantil municipais mediante a substitución das actuais caldeiras de gasóleo por modernos sistemas de aerotermia, unha intervención que mellorou a eficiencia enerxética, a reducción das emisións contaminantes e incrementou o confort das persoas usuarias.

Belén do Campo explicou que a intervención permitiu substituír uns equipos antigos de calefacción, que presentan un elevado consumo enerxético e importantes custos de mantemento debido ás frecuentes avarías, por un sistema de aerotermia máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente. Ademais da redución das emisións de CO₂ á atmosfera, a renovación favoreceu un menor consumo enerxético e unha mellor regulación da temperatura nas instalacións.

“Falamos de espazos fundamentais para a vida diaria das familias de Vedra, onde se desenvolven actividades educativas e sociais que prestan servizo a centos de persoas de todas as idades. Por iso, resulta prioritario garantir que conten cunhas condicións óptimas de habitabilidade e confort, especialmente durante os meses de máis frío”, sinalou.

Neste sentido, destacou que a Escola Infantil Municipal dispón actualmente de 53 prazas para nenos e nenas de ata 3 anos, mentres que a Ludoteca e o Servizo Madrugadores atenden a 75 usuarios e usuarias. Pola súa banda, a Biblioteca Municipal conta con 409 persoas socias, das cales 66 son menores e 343 persoas adultas.

Estas intervencións enmárcase nas axudas destinadas á mellora de infraestruturas municipais e responde ao compromiso da Xunta de Galicia coa sustentabilidade, a transición enerxética e a mellora dos servizos públicos de proximidade

A representante autonómica incidiu en que estes servizos son imprescindibles para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños do municipio. “Garantir unhas instalacións modernas, eficientes e confortables é unha forma de apoiar ás familias e de reforzar a calidade dos servizos públicos que reciben”, apuntou.

Belén do Campo puxo en valor “o firme compromiso da Xunta de Galicia cos concellos do rural para que poidan seguir avanzando en sustentabilidade, modernización de servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Belén do Campo lembrou que a convocatoria de 2025 contou cunha dotación global de 5 millóns de euros para toda Galicia por concorrencia competitiva que chegou a 89 concellos en Galicia. Na provincia da Coruña resultaron beneficiarios desta convocatoria 27 concellos, cun investimento autonómico total de preto de 1,6 millóns de euros. E na comarca de Santiago ademais da actuación en Vedra tamén contou con outra achega 60.000 euros o concello de Boqueixón.

Esta liña está destinada á execución de obras de mellora da eficiencia enerxética en inmobles de titularidade municipal destinados á prestación de servizos públicos, dirixida especificamente a concellos con poboación inferior aos 15.000 habitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026