O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu en Outes á gravación dunha secuencia da película que estes días roda varias escenas no Val da Maía
López Campos sitúa Galicia como epicentro audiovisual na súa visita á filmación de ‘Un deus que non baila’
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a adxudicación de 350.000 € a esta longametraxe no marco da liña de atracción de rodaxes canalizada pola Xunta, na que tamén figuran os filmes ‘Sin huella’ e ‘Dímelo con besos’
Esta produción conta coa dirección do galego Pedro Díaz e con María Vázquez e Bruna Cusí nos papeis protagonistas
Outes (A Coruña), 4 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, situou Galicia como “epicentro audiovisual tanto desde o punto de vista artístico e de dotación de recursos tecnolóxicos, como de potencial paisaxístico e patrimonial para ser escenario de filmación”. Así se expresou durante a súa visita hoxe no Concello de Outes á gravación da longametraxe Un deus que non baila, proxecto que recibe 350.000€ da liña de subvencións para a atracción de rodaxes convocada pola Xunta.
López Campos destacou así a elevada actividade do sector que vive estes días a Comunidade autónoma, coa acollida simultánea de gravacións de varios proxectos audiovisuais con equipos creativos e técnicos maioritariamente galegos. Sinalou tamén que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha primeira quenda de adxudicacións das axudas dotadas este ano con 3M€ para a captación de rodaxes, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder 2021-2027 da Unión Europea. Ademais de Un deus que non baila, filme presentado baixo o título de Serenade por unha unión de empresas da que forma parte a produtora pontevedresa Matriuska, outras dúas longametraxes reciben subvención por esta canle, aberta ata o mes de outubro: Sin huella, de Vaca Films, e Dímelo con besos, de Vaca Docs.
Drama familiar luminoso
Un deus que non baila preséntase polos seus creadores como un “drama familiar luminoso”. O galego Pedro Díaz, natural de Ames, inspírase en vivencias da súa infancia para dirixir e compoñer unha historia que ten, ademais, nas localizacións do Val da Maía a contorna idónea para a súa rodaxe.
As actrices María Vázquez e Bruna Cusí protagonizan unha trama que ten lugar na Galicia rural dos 90, cando María (atea e nai solteira) quere cumprir o derradeiro desexo da súa nai: ver á súa neta Lola (que non vai á igrexa desde o bautismo) facendo a primeira comuñón. O reparto complétase con outros nomes coñecidos e novas caras do audiovisual do país, tales como Ana Santos, Irea Chouza, Julia Pazo, Elvira Gestoso, Servia, Mario Beramendi, Miguel de Lira e Manuel Fonseca.
O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse ata a Igrexa de San Xoán de Roo, en Outes, onde o equipo grava unha das escenas. Alí mantivo un encontro co director, o elenco e o equipo de produción da película.
Ademais da subvención para a súa rodaxe, o proxecto obtivera xa con anterioridade unha axuda da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a escrita do guión no marco da convocatoria de 2023 para a promoción do talento audiovisual galego.