O Goberno Galego avanza na transición enerxética da comunidade a través dunha nova convocatoria de axudas para minimizar as perdas de auga

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou no Concello de Fene as actuacións realizadas grazas ás axudas de Augas de Galicia

No ámbito da Delegación, un total de seis concellos recibiron máis de 214.000 euros desta liña de achegas

Fene (A Coruña), 4 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Concello de Fene acompañada da directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, e da alcaldesa do municipio, Sandra Permuy. Alí, Aneiros puido comprobar as actuacións realizadas no depósito de Vilar do Colo grazas ás achegas do Goberno galego para minimizar as perdas de auga.

O Concello foi beneficiario en 2025 destas subvencións destinadas a entidades locais, recibindo preto de 42.000 euros. Estes fondos serviron para sufragar a instalación dun sistema remoto de control, o cal permite coñecer en tempo real o nivel do depósito, ademais de parámetros como o pH, o cloro ou a temperatura da auga. O sistema inclúe tamén a xestión de avisos e o control automático dos niveis, o que mellora a capacidade de resposta a posibles incidencias.

Grazas a esta achega, o Concello renovou tamén os cadros eléctricos e a aparelaxe no depósito do Catalán e no bombeo de Lameiro, o que permitirá rexistrar con precisión os caudais e mellorar o control sobre o funcionamento das instalacións.

Aneiros destacou esta liña de axudas de Augas de Galicia, destinada aos concellos de menos de 20.000 habitantes, “coa que o Goberno galego promove unha transición enerxética limpa e equitativa mentres busca a mellora da eficiencia hídrica”, explicou.

No ámbito da Delegación Territorial foron seis os Concellos beneficiarios destas achegas cofinanciadas con fondos Feder, recibindo un total conxunto que supera os 214.000 euros. A representante autonómica aproveitou para recordar que esta liña de subvencións cobre o 100% do investimento das actuacións propostas, e apuntou que o prazo de solicitude da actual convocatoria, dotada cun orzamento de máis de 1,2 M€, está aberto ata o 29 de xuño ás 14,00 h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026