Medio Rural participa no proxecto europeo CILUMES Interopera para mellorar a resposta ante os incendios forestais na fronteira con Portugal
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, asistiu hoxe á primeira xornada técnica desta iniciativa transfronteiriza que lidera a Junta de Andalucía, a cal se presentou onte en Sevilla
O proxecto busca favorecer a actuación conxunta dos equipos de emerxencia, aumentar a capacidade de resposta e facilitar a coordinación entre ambos países, incorporando novas tecnoloxías e reforzando a formación dos equipos operativos
Sevilla, 4 de xuño de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participou hoxe na primeira xornada técnica do proxecto europeo CILUMES Interopera, no marco da cal se realizou unha visita ao Centro de Defensa Forestal de El Pedroso en Sevilla. Esta iniciativa de cooperación entre España e Portugal busca poñer en marcha unha estratexia transfronteiriza de mellora da resposta ante os incendios forestais na Raia e na cal colabora a Consellería do Medio Rural.
Este proxecto, que lidera a Junta de Andalucía e o cal se presentou onte, conta cun orzamento de algo máis de 14 millóns de euros, no marco do programa Interreg POCTEP, e céntrase en mellorar a actuación conxunta dos equipos de emerxencia, aumentar a capacidade de resposta e facilitar a coordinación entre ambos países, incorporando novas tecnoloxías e reforzando a formación dos equipos operativos.
A actividade do proxecto contempla accións en infraestruturas estratéxicas transfronteirizas e actuacións para reforzar a rede de vixilancia. Tamén se avalían cuestións como a capacitación, a interoperabilidade dos sistemas e recursos de extinción e o reforzo dos protocolos comúns para avanzar nunha resposta conxunta; así como as accións para dar visibilidade ao proxecto, sensibilizar sobre a xestión forestal sostible e reforzar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal. CILUMES Interopera desenvolverase ata o 31 de decembro de 2028.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, colabora nesta iniciativa que nace coa vocación de converterse nun referentes europeo en materia de gobernanza e interoperabilidade antes grandes incendios forestais na zona transfronteiriza española-portuguesa. A maiores, desde o Goberno galego tamén participa a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que se suma a outros beneficiarios como son a Comunidade Intermunicipal do Algarve (AMAL), a Junta de Castilla y León, o Município de Monchique, a Junta de Extremadura, o Município de Arcos de Valdevez e a Fundación Europea para a Innovación (Finnova).
Outros socios
Ademais, como socios tamén participan nesta iniciativa a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Algarve (CCDR Algarve), a Deputación Provincial de Ourense, a Diputación Provincial de Huelva, a Comunidade Intermunicipal das Terras de Trás-os-Montes (CIM-TTM), a Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil (ANEPC), a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR Norte) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho).