Xosé Merelles destaca que o Wake Up! converte Santiago de Compostela no epicentro da música electrónica do calendario nacional

A cita celebrarase por primeira vez na Cidade da Cultura os días 5 e 6 de xuño nunha edición de gran formato na que se prevé unha asistencia de 11.000 persoas

O cartel trae algunhas das figuras máis recoñecidas da escena electrónica internacional como Ben Klock, Joris Voorn, Fatima Hajji e Ben Sims

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

O director de Turismo de Galicia Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do Wake Up! SdC, que se celebra os días 5 e 6 de xuño en Santiago de Compostela. Tras catro edicións de gran formato celebradas na Coruña, o Wake Up! inicia unha nova etapa na capital de Galicia, coa Cidade da Cultura de Galicia como escenario, consolidándose como unha referencia dentro do circuíto estatal de música electrónica.

Segundo explicou Xosé Merelles, “o festival de techno e house é unha das citas da programación dos Concertos do Xacobeo na capital galega, configurando así unha programación diversa en estilos e públicos” e tras a experiencia do pasado ano no Multiusos Fontes do Sar, “este ano preséntase nunha edición de gran formato na que se prevé unha asistencia de 11.000 persoas”

O cartel ofrece algunhas das figuras máis recoñecidas da escena internacional e nacional, cun cartel encabezado por artistas de referencia como Ben Klock, Joris Voorn, Fatima Hajji, Ben Sims, Lee Ann Roberts ou Vendex, xunto a outros nomes destacados do panorama actual como Alarico, Future.666, The Lady Machine, Blasha & Allatt, Dax J ou Pawlowski.

O director de Turismo de Galicia destacou a importancia deste tipo de eventos para reforzar o posicionamento de Galicia como destino turístico e musical de referencia. Ademais, engadiu que o Wake Up! SdC “é un exemplo da capacidade da cidade para atraer grandes eventos musicais de proxección internacional ao tempo que conseguimos enriquecer a oferta turística da capital galega”.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

Tras a pasada edición dos Concertos do Xacobeo, con máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en 75 localidades de toda Galicia, entre os eventos máis destacados deste 2026 figuran citas de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!

 O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026