A Xunta participa na homenaxe a Miguel Agromayor e agradece toda unha vida de compromiso co comercio da provincia

Os representantes do Goberno autonómico destacaron a súa capacidade de diálogo, a súa entrega a sector e o seu papel como referentes na defensa do comercio de proximidade

A Coruña, 4 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén,  participaron hoxe na homenaxe organizada en recoñecemento a Miguel Agromayor, presidente da Federación Provincial de Comercio da Coruña, unha figura que leva décadas traballando na defensa dos intereses do comercio local e de proximidade na provincia.

Os representantes do Goberno galego quixeron sumarse ao recoñecemento do sector a unha persoa que dedicou boa parte da súa vida a defender aos comerciantes, aos autónomos e ás pequenas empresas que conforman a rede económica e social dos concellos  coruñeses. Miguel Agromayor estivo anos á fronte da Federación Provincial de Comercio da Coruña, representando ás asociacións comerciais da provincia e trasladando ás distintas administracións as necesidades e demandas dun sector fundamental para a economía galega. Ao longo da súa traxectoria converteuse nunha das voces máis autorizadas do comercio coruñés, participando activamente en iniciativas de dinamización comercial, promoción do comercio de proximidade e defensa dos intereses dos pequenos establecementos.

Ambos destacaron tamén a importancia do labor desenvolvido por Miguel Agromayor na visibilización do papel que desempeña o pequeno comercio na xeración de emprego, na dinamización económica e na cohesión social das cidades e vilas da provincia. Ao longo da súa traxectoria foi un firme defensor do comercio de proximidade como elemento esencial para manter vivos os barrios e os centros urbanos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026