A Xunta inicia a rehabilitación dun novo edificio en Mondoñedo no marco das actuacións para crear 11 vivendas públicas

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe os primeiros traballos que se abordan na rúa Febrero, que se suman aos que xa están en marcha noutro inmoble de Peña de Francia

Explicou que están contratadas as obras para recuperar en total sete edificacións no núcleo urbano, por un investimento global de arredor de 3 millóns de euros

Mondoñedo (Lugo), 5 de xuño de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comezou a rehabilitación integral do edificio situado no número 30 da rúa Febrero de Mondoñedo, no marco dos proxectos que ten en marcha para crear 11 vivendas de promoción pública na localidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou os traballos iniciados hai uns días. Explicou que se acondiciona unha casa de dúas plantas e dous dormitorios, con 83,4 metros cadrados de superficie útil, e cun patio de 16,4 metros cadrados que acolle unha estrutura para lavadoiro ou almacenaxe. O orzamento concreto nesta construción supera os 280.000 euros.

Villares lembrou que forma parte do contrato adxudicado o pasado mes de marzo por importe total de 2.842.000 euros, que sumará un total de 10 vivendas en seis edificios diferentes do núcleo.

As outras actuacións incluídas na adxudicación son a rehabilitación integral dun edificio para unha vivenda e un rocho na praza Muíños de Arriba 24; dous inmobles para catro VPP e catro rochos na rúa Guevara 7 e 9, e outro para dúas VPP na rúa Álvaro Cunqueiro 34. Tamén figura a remodelación e reforzo estrutural de dúas VPP e mellora da envolvente térmica dun inmoble na rúa Progreso 10 da localidade.

Por outra parte, están moi avanzadas as obras que se veñen executando desde o pasado verán no inmoble número 4 da rúa Peña de Francia, nas que se invisten preto de 300.000 euros; neste caso habilítase unha vivenda destinada a alugueiro para menores de 36 anos.

O delegado territorial sinalou que estas intervencións corresponden ao programa Rexurbe e teñen por obxectivo restaurar o patrimonio e facilitar o acceso á vivenda, especialmente da xente moza, contribuíndo a reforzar o tecido económico e social da zona. Ao respecto, apuntou que Mondoñedo foi o municipio no que se declarou a primeira Área Rexurbe de Galicia, no ano 2020, grazas ao traballo coordinado entre as Administracións autonómica e local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026