Rueda sitúa o Parque Nacional das Illas Atlánticas como un activo moi importante para Galicia polos seus valores naturais e biodiversidade

Fai fincapé en que “é un dos emblemas de Galicia Calidade, polo cal nos identifican en moitísimos sitios, e que temos que seguir mimando”

Vigo, 9 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situou hoxe o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como un activo moi importante para Galicia, por todo o que representa en materia de natureza e biodiversidade e por ser o único espazo na comunidade que atesoura esta categoría. Fixo fincapé en que “é un dos emblemas da Galicia Calidade, polo cal nos identifican en moitísimos sitios, e que temos que seguir mimando”.

Así o sinalou esta mañá durante a súa participación na reunión do padroado deste parque, no que están representadas a administración estatal, a autonómica, as deputacións da Coruña e Pontevedra, os concellos, as universidades, propietarios, ecoloxistas e confrarías, entre outros. Alí eloxiou o labor do anterior presidente, Fernando Garrido, e desexou sorte á actual presidenta, Xiana Fernández-Albor, subliñando que esta “encarna, coa continuidade de todo o bo que ten detrás, o novo impulso que queremos darlle ao noso tesouro”.

Na súa intervención, Rueda destacou o compromiso da Xunta con este parque e sinalou que “estamos obrigados a conservalo para pasalo aos que veñan despois”. Ao mesmo tempo apuntou que hai que compatibilizar esta conservación “coas posibilidades que teñen as illas de desenvolvemento económico”. Así, apostou polo “traballo de control, de información e de conservación que hai que facer para que sigan tendo ese valor”, e que se poida visitar “de xeito ordenado e garantindo que todo funcione axeitadamente”.

O Goberno galego está defendendo a candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade, ademais de impulsar o seu recoñecemento como oitava reserva de biosfera na comunidade: unha reserva que terá o seu núcleo central no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, estendendo a súa área de influencia pola costa, desde Fisterra ata Baiona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026