A Xunta celebra a reactivación da Mesa de Comercio Local de Lugo como ferramenta clave para reforzar o comercio de proximidade
Lugo, 9 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na reunión da Mesa de Comercio Local de Lugo, que retoma a súa actividade despois de cinco anos sen convocatorias —pese ao seu carácter preceptivo segundo a Lei de Comercio— co obxectivo de abordar as necesidades actuais do sector e analizar novas medidas de dinamización que contribúan a reforzar o tecido comercial da cidade, consolidando o comercio de proximidade como eixo central da economía local. No encontro tamén participaron a alcaldesa, Elena Candia, e representantes da Federación de Comercio, da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, de Lugo Monumental, da federación de consumidores e usuarios Facua e dos tres grupos municipais.
O director xeral destacou a importancia de recuperar este órgano de participación e diálogo, subliñando que constitúe unha ferramenta esencial de coordinación entre a Administración e o sector comercial, recollida como obrigatoria na normativa vixente, e que permite avanzar en actuacións adaptadas ás necesidades reais de cada contorna. Nesa liña, puxo en valor o compromiso da Xunta por impulsar estes espazos de interlocución a través do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ademais, lembrou que recentemente se constituíu a nova Mesa do Comercio de Galicia, concibida como un foro estable de diálogo entre a Administración autonómica e os distintos axentes do sector para favorecer a adopción de medidas que impulsen a súa competitividade e modernización.