A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, selou coa alcaldesa Belén Cachafeiro Anta, os convenios para o financiamento destes proxectos

O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Forcarei a mellora dos camiños rurais en Alende e Muras e a rehabilitación de 10 vivendas escolares municipais

O departamento que dirixe M. Allegue financiará a obra nestes camiños da parroquia de Pereira e a rehabilitación das vivendas situadas na avenida das Maleitas cuns préstamos que suman case 459.000€, a través deste Fondo dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes

A Xunta xa concedera tamén unha achega de 650.000€ ao Concello de Forcarei para a recuperación das citadas vivendas ao abeiro da liña de axudas aos concellos para rehabilitación de inmobles de titularidade municipal

O prazo para solicitar este préstamo sen xuros fondo rematará o vindeiro 15 de outubro

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

A Xunta colabora co Concello de Forcarei na mellora dos camiños rurais en Alende e Muras, así como na rehabilitación de 10 vivendas escolares  municipais.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta tarde coa alcaldesa deste municipio pontevedrés, Belén Cachafeiro Anta, dous convenios de colaboración para o financiamento destas dúas actuacións.  Neste acto tamén estivo o director territorial de Consellería, José Manuel González.

Trátase da concesión de dous préstamos, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes, que suman un importe total que rolda os 459.000 euros.

En concreto, un dos convenios firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, permitirá executar proxecto de mellora dos citados camiños rurais en Alende e Muras, na parroquia de Pereira, financiado este Fondo un importe de 31.902 euros.

Pola outra banda, a través do segundo convenio selado hoxe, a Administración local proponse dentro do Grupo escolar do núcleo de Forcarei, rehabilitar as citadas vivendas situadas na Avenida das Maleitas. Estas 10 vivendas dispóñense en grupos de pareados e responden a unha mesma tipoloxía con orientación simétrica. A rehabilitación consistirá en realizar unhas vivendas que se adapten á normativa actual xa que están en estado de abandono e levan sen habitar uns 30 anos, sufrindo polo tanto o deterioro por antigüidade e conservación que isto leva consigo.

Así, a rehabilitación destas vivendas presenta unha especial relevancia social porque incrementa a oferta de inmobles habitables nun concello rural e contribúe á reutilización dun patrimonio público xa existente, evitando o seu deterioro progresivo. Neste caso o Fondo de Cooperación da Xunta financiará este proxecto cun importe de 426.909 euros.

Estas intervencións desenvolverase mediante a iniciativa do departamento que dirixe M. Allegue, que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo más de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

O prazo para que os concellos poidan solicitar este préstamo sen xuros mantense aberto ata o 15 de outubro.

Axuda para rehabilitación

No caso destas 10 vivendas, a Xunta xa concedera tamén unha achega autonómica de 650.000 euros a este concello pontevedrés, ao abeiro da liña de axudas aos concellos para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026