O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na 32ª convención da Asociación empresarial nacional de alugadores de plataformas aéreas de traballo

A Xunta destaca a súa aposta pola formación flexible e á demanda das empresas e o seu plan de atracción de talento de cara á cobertura das vacantes laborais

José González salienta o decreto de microcredenciais que permitirá que asociacións como Anapat deseñen e certifiquen formación adaptada ás súas necesidades, a maiores das ordes formativas en beneficio das persoas desempregadas e ocupadas

Sinala que a potenciación do mercado laboral interno se complementa cun plan de captación de persoas traballadoras que pon o principal foco no retorno, con accións como as feiras de emprego nas que vén de participar no Brasil

A Coruña, 11 de xuño de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da 32ª convención da Asociación empresarial nacional de alugadores de plataformas aéreas de traballo (Anapat), onde destacou a aposta da Xunta por unha formación para o emprego flexible e adaptada ás necesidades das empresas, así como o seu pioneiro plan de atracción de talento que prioriza o retorno de cara á cobertura das vacantes do mercado laboral. Fíxoo nun encontro no que puxo en valor a Anapat como a única organización de ámbito nacional que representa especificamente o sector do aluguer de plataformas elevadoras para a realización de traballos en altura, con máis de 160 empresas asociadas.

Na súa intervención, o conselleiro salientou que entre os principais obxectivos da entidade está a profesionalización do sector e a promoción de estándares de seguridade e formación, en estreita colaboración coas Administracións públicas e organismos técnicos. Nese senso, e como firme defensor da colaboración público-privada para consolidar un mercado laboral forte, dinámico e inclusivo, puxo de relevo as medidas autonómicas orientadas a formar, reter e atraer talento.

No campo da formación, fixo alusión ao impulso dun modelo máis flexible e máis conectado non só coas necesidades das empresas, senón tamén coa realidade económica de cada territorio, con instrumentos como as microcredenciais recentemente reguladas vía decreto que permitirán a clústeres ou asociacións como Anapat deseñar e certificar formación adaptada ás súas necesidades. A maiores, cómpre lembrar convocatorias formativas con prazo de solicitude aberto como as destinadas a persoas desempregadas AFD (60 M€), o programa á carta do tecido produtivo Galicia Suma Talento: Plan Formación Empresas (8,5 M€) que vincula formación e contratación cun compromiso de inserción de ata o 60% e os Bonos Talento Empresa (2,2 M€) orientados a formación curta, flexible e adaptada ao posto de traballo. González engadiu a aposta do Goberno galego por pechar o círculo da empregabilidade, priorizando as persoas participantes nas accións formativas autonómicas dentro do programa de incentivos á contratación Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), tamén co prazo de solicitude aberto en beneficio dos colectivos prioritarios de inserción.

Plan de atracción de talento

O titular de Emprego apuntou que estas accións de potenciación do mercado laboral interno se complementan cun plan de atracción de talento exterior, dotado dunha ampla batería de medidas que busca titorizar todo o proceso de integración sociolaboral. Dentro dese plan, ponse o foco principal na captación de persoas traballadoras a través da Estratexia Galicia Retorna, con accións como as feiras de emprego que se veñen de celebrar en São Paulo e Salvador de Bahía para conectar directamente o talento da diáspora coas necesidades reais do tecido produtivo galego, neste caso, no marco do programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa nova edición 2026-2027 (2,3 M€) está vixente.

O conselleiro sinalou que un segundo eixe do plan de atracción de talento está dirixido a terceiros países, con atención prioritaria a América Latina, ao tempo que salientou medidas novas como as axudas para a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras en concellos de menos de 20.000 habitantes, tamén con prazo de solicitude aberto. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026