Medio Rural dedica 8,6 M€ á modernización de equipamentos agrarios e á mitigación do cambio climático

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá unha explotación en Monfero, onde puxo en valor estas achegas para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión

O prazo de solicitude da convocatoria está aberto ata o 22 de xuño

Monfero (A Coruña), 11 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe a explotación de Javier Pena, onde puxo en valor as achegas convocadas pola Consellería do Medio Rural para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada cun orzamento de 8,6 millóns de euros. Estas achegas, vinculadas á contribución da mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais, teñen aberto o prazo de solicitude ata o 22 de xuño.

Poden beneficiarse destas axudas os titulares de explotacións, pero tamén aquelas persoas que teñan unha axuda concedida de incorporación de mozos ao agro e conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais, poñendo o foco no impulso da remuda xeracional no sector.

As achegas están destinadas, como explicou Aneiros, á modernización de equipamentos e ao uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos, ademais de a apoiar a incorporación de equipamento máis eficiente enerxeticamente. “Desta forma, avanzamos cara a un aumento do rendemento ambiental do sector agrario galego, reducindo ademais os gastos que unha maquinaria de maior consumo supón para unha explotación agrícola”, sinalou a delegada.

Cabe sinalar que esta convocatoria enmárcase dentro do paquete de medidas que está a impulsar a Xunta para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola guerra en Oriente Medio, e que conta con 19,4 millóns de euros para o sector primario. Este orzamento, ademais de incluír estas achegas, contempla 10,8 millóns de euros para a estratexia de promoción agroalimentaria.

O importe da axuda, será, como mínimo, do 40% dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o máximo ascende a 100.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026