A Xunta aposta polo emprego da madeira na construción como elemento clave na xeración de valor do recurso forestal
Lugo, 11 de xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, subliñou esta tarde en Lugo o apoio decidido da Xunta de Galicia ao emprego da madeira no eido da construción, ben sexa en obra nova, ou en rehabilitación. “A madeira é un produto renovable, sustentable e pódese utilizar, reutilizar e reciclar - apuntou - é unha materia prima clave na xeración de valor do recurso forestal e para o modelo de transición de Europa cara a unha bioeconomía circular destinada a impulsar a competitividade global, fomentar o crecemento económico sustentable e a xeración de novos postos de traballo”.
Fernández Ríos participou na apertura do Curso de formación específica en cálculo de estruturas de madeira onde lembrou que o Goberno galego conta tres liñas de axuda (Xera-savia, Xera-tecno e Xera-valor) para mellorar a competitividade da cadea monte-industria e impulsar un sector que supera as 3.300 empresas e xa representa o 1,7 % do PIB galego. Uns programas de apoios para os que este ano se reservaron algo máis de 16 millóns de euros. Cómpre lembrar que o sector forestal foi declarado estratéxico en febreiro do 2024 e o pasado 19 de xaneiro o Consello da Xunta daba conta dos avances na tramitación do seu plan director, ferramenta que marcará a folla de ruta desta industria nos vindeiros anos para potenciala, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade e que se agarda poida estar aprobado este verán.