María José Gómez destaca o sector alimentario como un eido estratéxico para Galicia que supón o 6,4% do PIB
Sinalou así que este eido xera máis de 100.000 empregos e supera os 4.000 millóns de euros en exportacións
Gómez fixo tamén referencia ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas existentes en Galicia, e que a converten nunha das comunidades autónomas con máis distintivos deste tipo
Asegurou tamén que o “gran reto do sector” pasa por transformar na comunidade a maior parte da materia prima que se produce no noso territorio, co obxectivo de engadir valor engadido aos produtos, xerar riqueza e consolidar emprego
A conselleira lembrou que esta mesma semana o Consello da Xunta tomou razón dunha Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia, que reforzará o labor que xa se viña desenvolvendo neste ámbito
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón; e pola directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou esta mañá na clausura dos XII Premios Galicia Alimentación, organizados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Durante a súa intervención, destacou o sector alimentario como un eido estratéxico para Galicia, que xera máis de 100.000 empregos, achega o 6,4 % do PIB e supera os 4.000 millóns de euros en exportacións.
Seguindo esta liña, fixo referencia ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas existentes en Galicia, que a converten nunha das comunidades autónomas con máis distintivos deste tipo. Así, definiu estes selos como “a mellor carta de presentación do que coñecemos como Galicia Calidade”.
Asegurou tamén que o “gran reto do sector” pasa por transformar na comunidade a maior parte da materia prima que se produce no noso territorio, co obxectivo de engadir valor engadido aos produtos, xerar riqueza e consolidar emprego. Neste sentido, destacou que máis do 75 % do leite galego se transforma xa na comunidade.
Estratexia de loita contra o desperdicio alimentario
A conselleira lembrou que esta mesma semana o Consello da Xunta tomou razón dunha Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia, que reforzará o labor que xa se viña desenvolvendo neste ámbito, co fin de valorizar os produtos e aproveitar o seu potencial. Así, no marco desta iniciativa, entre outras medidas porase a disposición dos produtores unha plataforma web na que poderán poñer á venda os produtos considerados como “imperfectos” por non cubrir os estándares de forma, tamaño ou cor que establece o mercado, para que sexan adquiridos por comedores colectivos.
Tamén ao abeiro desta Estratexia, realizaranse enquisas, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Instituto Galego de Estatística, para diagnosticar a dimensión das perdas e do desperdicio alimentario en Galicia nos ámbitos do sector primario, os fogares, a industria alimentaria, o sector HORECA e a distribución. Así mesmo, levaranse a cabo campañas de sensibilización, formación e concienciación; redactarase un Manifesto contra o desperdicio alimentario e para as empresas que se adhiran a el deseñarase unha imaxe que poidan incorporar como “selo” contra o desperdicio alimentario en Galicia. Tamén se lanzará unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento coa colaboración de restaurantes con cociñeiros de prestixio.