A Xunta destaca a boa acollida do sorteo en redes sociais de catro bonos de 250 € no marco da primeira campaña Activa Comercio de 2026
Ourense, 12 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entregou esta mañá en Ourense un dos catro bonos regalo de 250 euros que se sortearon nas redes sociais entre as persoas que participaron na primeira edición de 2026 dos Bonos Activa Comercio. Un sorteo que tivo lugar por vez primeira e do que o director xeral celebrou a boa acollida, con preto de 2.000 interaccións rexistradas nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia.
A entrega do bono tivo lugar na librería Perseidas, un dos arredor de 900 establecementos ourensáns adheridos dos máis de 6.400 de toda Galicia que se involucraron na iniciativa. Alí, Alén lembrou que estes bonos adicionais de 250 euros —en formato dixital mediante código QR— deben gastarse precisamente nestes comercios implicados, cun prazo de validez dunha semana. Cómpre recordar que a primeira edición do ano dos Bonos Activa Comercio mobilizou máis de 11,1 M€ en vendas, dos que preto de 1,7 millóns corresponderon á provincia de Ourense.