Medio Rural recoñece o traballo de Kiwi Atlántico no marco da nova estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia

Gómez lembrou esta iniciativa, anunciada esta mesma semana no Consello da Xunta, que se elaborará e presentará neste 2026 e que conta cun marcado carácter social

A Estratexia inclúe un amplo abano de medidas, como a posta a disposición dos produtores dunha plataforma web a través da cal vender aqueles excedentes ou produtos “imperfectos” para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos

Ao seu abeiro crearase un Manifesto contra o desperdicio alimentario ao que poderán adherirse empresas, que contarán cun selo de garantía que acreditará a súa adhesión e compromiso

Realizaranse enquisas para diagnosticar a dimensión do desperdicio alimentario en ámbitos como o sector primario, os fogares ou a industria alimentaria, entre outros

Ribadumia (Pontevedra), 12 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recoñeceu hoxe o traballo desenvolvido por Kiwi Atlántico, a principal produtora e comercializadora de kiwi verde en España, no marco da nova Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia; e loou o seu compromiso para evitar as perdas na produción. Destacouno hoxe nunha visita ás instalacións desta empresa, situadas no concello de Ribadumia, e na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López.

Neste contexto, a conselleira lembrou a iniciativa anunciada esta mesma semana no Consello da Xunta que se elaborará e presentará neste 2026 e que conta cun marcado carácter social. Seguindo esta liña, sinalou que o desperdicio alimentario é unha cuestión que implica a toda a sociedade e que debe situarse no centro do debate público. 

A Estratexia inclúe un amplo abano de medidas que se irán desenvolvendo a curto, medio e longo prazo. Unha das máis salientables é a posta a disposición dos produtores dunha plataforma web na cal por á venda aqueles excedentes ou produtos “imperfectos” que non conseguiron vender nas canles habituais por non cumprir os estándares de forma, tamaño ou cor, pero que se atopan en bo estado, para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos.

Tamén se creará un Manifesto contra o desperdicio alimentario ao que poderán adherirse empresas, que contarán cun selo de garantía que acreditará a súa adhesión e compromiso. Para poñer en valor aínda máis o seu compromiso, farase unha distinción anual en liña coa conmemoración anual do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que se celebra o 29 de setembro. 

A titular de Medio Rural explicou tamén que, no marco desta Estratexia, se realizarán enquisas en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Instituto Galego de Estatística para diagnosticar a dimensión do desperdicio alimentario en Galicia en ámbitos como o sector primario, os fogares ou a industria alimentaria, entre outros.

A maiores, levaranse a cabo campañas de sensibilización e redactaranse guías e documentos de boas prácticas a nivel sectorial. Tamén se impulsará unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento coa colaboración de restaurantes con cociñeiros de prestixio. 

Xa para rematar, a conselleira destacou que a redución do desperdicio en Galicia contribuirá a valorizar aínda máis a calidade dos produtos agroalimentarios da comunidade, ao tempo que se engade un importante diferencial de sustentabilidade e mellora dos rendementos económicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2026