A Xunta reforza a comercialización da artesanía de Galicia cunha nova orde de axudas para a súa promoción en feiras e eventos

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria 2026 desta liña de apoios destinada a impulsar a presenza da artesanía galega en feiras e espazos expositivos de carácter nacional e internacional

Os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia contan con achegas para participar en feiras profesionais e de venda directa, co obxectivo de favorecer a difusión e comercialización dos seus produtos

Pola súa banda, concellos e asociacións do sector artesán poden optar a apoios para a organización de feiras en Galicia que contribúan a poñer en valor os distintos oficios tradicionais e dinamizar a actividade comercial

A convocatoria, dotada cun orzamento de 265.000 euros, abre o prazo de solicitudes hoxe e ata o 13 de xullo de 2026, incluíndo distintas liñas adaptadas aos diferentes tipos de beneficiarios

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de axudas 2026 para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia a través da que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforza o apoio aos concellos para promover a organización de feiras neste ámbito. Ademais dos concellos, desta convocatoria tamén poden beneficiarse os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns/ás.

Dos 265.000 € de orzamento cos que conta esta orde —cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde hoxe ata o 13 de xullo de 2026— 180.000 euros están destinados aos artesáns e artesás, 50.000 aos consistorios e 35.000 ás asociacións. Con esta nova edición o Goberno galego fortalece a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e continúa apoiando a asistencia a feiras e a súa organización atendendo á importancia deste sector en Galicia, tanto no ámbito social e cultural como no relacionado coa xeración de emprego e riqueza.

Detalles da convocatoria

Con estas achegas a Xunta apoia a asistencia a feiras profesionais ou feiras de venda directa, de ámbito nacional e internacional, por parte de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, financiándolles aspectos como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros. Os obradoiros beneficiarios poderán recibir unha subvención máxima de 8.000 euros a través de tíckets por feira que irán dos 400 euros de mínimo en feiras de venda directa aos 3.000 euros de máximo en feiras profesionais, pasando polos 1.500 euros para feiras de Nadal.

En canto ás axudas a concellos e asociacións profesionais ou empresariais de persoas artesás, outórganse para que organicen feiras en Galicia que poñan en valor os distintos oficios ao tempo que os obradoiros implicados aumentan vendas.

En concreto, subvenciónanse gastos de infraestrutura, servizos feirais e de publicidade, entre outros. No caso dos concellos, prevense axudas tanto para a organización de feiras monográficas —as que son dun mesmo oficio tradicional— como non monográficas —as que inclúen distintos oficios—. Para as feiras monográficas, a cantidade máxima de apoio é de 18.000 euros e no caso das non monográficas, de ata 8.000 euros en función da porcentaxe de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen.

No referido ás asociacións de artesáns, diríxense a aquelas nas que cando menos o 80% dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as achegas poden chegar aos 18.000 euros con feiras ou eventos de artesanía de máis de 30 obradoiros involucrados e tamén poden optar a apoios para manter as súas páxinas web, maiores segundo o número de inscritos de Artesanía de Galicia que representen.

Da convocatoria de 2025 beneficiáronse un total de 88 entidades, a gran maioría obradoiros artesáns de Artesanía de Galicia que grazas a estes apoios puideron asistir a feiras nacionais e internacionais para impulsar os seus proxectos.

Nova liña para a formación de aprendices en oficios artesanais

No marco da aposta da Xunta polo sector artesán, o vindeiro 16 de xuño abrirá tamén a nova convocatoria de axudas autonómicas do programa de primeira experiencia profesional. Como novidade nesta edición, incorpórase unha liña específica dotada con 1M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais. Estas axudas están dirixidas aos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e permitirán formar arredor de 50 aprendices. En concreto, as achegas teñen como finalidade incentivar a formalización de contratos en prácticas ou de formación en alternancia, a xornada completa e cunha duración de 12 meses.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260612/AnuncioG0767-280526-0003_gl.html

Data de actualización: 13/06/2026