Medio Rural pon en valor as axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios para xerar valor engadido no territorio
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacouno hoxe na súa visita á Cooperativa Xallas, en Santa Comba, beneficiaria destas achegas
José Balseiros explicou que grazas a estas axudas a cooperativa puido construír unha nave almacén na que albergar produtos adquiridos exclusivamente para os socios
Lembrou que a convocatoria correspondente ao ano 2026 conta cun orzamento de 19 millóns de euros ata o 2028 e ten dúas liñas subvencionables
Santa Comba (A Coruña), 12 de xuño de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe a Cooperativa Xallas, no concello de Santa Comba. Durante o seu percorrido polas instalacións, puxo en valor as achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios convocadas pola Consellería do Medio Rural, das que esta entidade foi beneficiaria. Así, asegurou que estas axudas contribúen de xeito directo a xerar valor engadido no territorio.
Neste sentido, grazas a unha achega económica de 100.000 euros, a Cooperativa Xallas puido construír unha nave almacén na que albergar produtos adquiridos exclusivamente para os socios da cooperativa; como poden ser forraxes, abonos ou fitosanitarios.
José Balseiros explicou que a convocatoria correspondente ao ano 2026 conta cun orzamento de 19 millóns de euros ata o 2028 e ten dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.
Lembrou tamén que a Xunta de Galicia destinou dende o ano 2016 algo máis de 195 millóns de euros para apoiar 614 proxectos que implicaban un investimento para a transformación e comercialización de produtos agroalimentarios.